PEL-RELEVO
PEL-RELEVO súmase ao fomento do emprego xuvenil como peza clave para o desenvolvemento e crecemento sustentable da provincia.
Empoderar á poboación do rural para aumentar a súa capacidade de adaptación ante os cambios na economía é unha das prioridades transversais da deputación coruñesa, centrada na procura da redución das desigualdades entre o rural e o urbano, priorizando as intervencións en concellos con menor disposición de recursos de cara a garantir o benestar da súa poboación.
No marco da estratexia provincial, as áreas rurais de A Coruña considéranse polos de desenvolvemento e innovación endóxenos normalmente non escoitados polos modelos centrados na urbanización. A creación de postos de traballo estables e en sectores atractivos enténdese dentro deste proxecto como factor fundamental da estratexia de desenvolvemento.
PEL-RELEVO proponse poñer en valor os recursos que xa existen, o seu potencial para favorecer a resiliencia, a innovación e a creatividade. Este dar protagonismo aos propios territorios rurais e a implicación da súa poboación é clave para atopar respostas creativas ás crises económicas, sociais, climáticas e financeiras que afectan en especial ás posibilidades de integración e inserción socio-laboral.
PEL-RELEVO aposta polas AXUDAS Á CONTRATACIÓN DE MOZOS E MOZAS NO TECIDO EMPRESARIAL RURAL converténdose nun instrumento para favorecer o relevo xeracional no ámbito rural da provincia da Coruña.
As axudas, xestionadas con criterios de eficiencia e calidade, garantindo o principio de igualdade de oportunidades e non discriminación, responden ás necesidades de inserción e emprego da mocidade, identificadas pola Rede Técnica Municipal no "Diagnóstico para o Emprego Xuvenil en Áreas Rurais da Deputación da Coruña" e inciden nos sectores de actividade con maior potencial de crecemento como son a actividade forestal, o turismo, a prestación de servizos de atención a colectivos con necesidades especiais, a agricultura e outros sectores da economía verde, as tecnoloxías da información e comunicación, a I+D+i e a asistencia sanitaria.
O fin principal do proxecto PEL_RELEVO é fomentar a contratación con carácter indefinido das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, a través de incentivos económicos á contratación e outras medidas no territorio da Coruña, dirixidas a que o tecido empresarial cree novas oportunidades para mozos e mozas de cara a obtención dun emprego de calidade e de carácter estable, entre elas:
- Promover a innovación na estrutura económica e empresarial dos municipios rurais da provincia da Coruña
- Promover a xeración de espazos de traballo colaborativos para persoas menores de 30 años.
Promover a igualdade de oportunidades nos colectivos de mocidade risco de exclusión social. - Loitar contra o declive demográfico na área rural e a concentración da poboación nas zonas urbanas da provincia
- Potenciar a contratación nos sectores con maior potencial de creación de emprego, incidindo na economía verde, as tecnoloxías da información, a investigación e a asistencia sanitaria.
- Fomentar o emprego a través dos alicerces da economía azul: O local (usando os recursos da contorna próxima), eficiente (substituíndo algo con nada), sistÉmico (imitando a natureza), rendible (optimizando e xerando ingresos múltiples), abundante (satisfacendo todas as necesidades básicas), innovador (creando o cambio e aproveitando as oportunidades)
A deputación da Coruña, mantendo a súa liña de promoción do emprego sustentable e de calidade, limita o acceso a esta axuda a aquelas empresas que realicen contratacións indefinidas e que conten cun modelo de negocio potenciador da economía verde ou azul ou teñan implementadas medidas de desenvolvemento sustentable.
Os mozos e mozas participantes deberán residir durante todo o período de vixencia da subvención en algún dos 64 municipios obxecto da convocatoria e o seu centro de traballo deberá estar tamén situado nalgún deles.
Concellos con poboación igual ou inferior 5.000 habitantes Concellos de 5.001-10.000 habitantes (saldo demográfico negativo)
A Deputación establecerá e publicará no Boletín Oficial da Provincia as bases específicas desta convocatoria de axudas definindo os Criterios de Concesión e Xestión:
Entidades beneficiarias:
Integrantes do tecido empresarial local, calquera que sexa a súa forma xurídica, que estean legalmente establecidos nos territorios rurais do ámbito de aplicación da axuda e que procedan a incluír no seu cadro de persoal a mozos ou mozas inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
No baremo a integrar nas bases aplicaranse criterios sociais e de sustentabilidade vinculados ao obxecto deste proxecto.
Tipoloxía do contrato:
Contrato indefinido a tempo completo, cun período mínimo de permanencia do traballador/a na entidade beneficiaria de seis meses.
Importe da axuda:
A contía será igual ao resultado de multiplicar o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) do ano vixente polo número de meses de permanencia na empresa que recibe a axuda multiplicada por 0,5.
Solicitude da axuda:
O período de solicitude da axuda para a contratación de persoas mozas con cargo ao PEL_RELEVO determinarase nas bases da convocatoria e en ningún caso poderá superar a data final de execución do proxecto.
Realizarase por procedementos electrónicos a través da Plataforma SUBTEL desta Deputación da Coruña.
PEL-RELEVO 2021
PEL-RELEVO 2020
-Bases Reguladoras das axudas PEL Relevo: Creación de Emprego para a Xuventude. Programa Operativo de Emprego Xuvenil, Fondo Social Europeo