Estás en:Emprego Novas

Valdoviño renova as súas infraestruturas sociais e veciñais co Plan único da Deputación

González Formoso visitou o municipio, onde destacou os máis de 4,5 millóns que o POS+ leva investido no municipio

Acompañado do alcalde, Alberto González, e do portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, visitou o centro sociocomunitario que permitirá dotar ao municipio dun Centro de Día e  as obras levadas a cabo para transformar o antigo palco da música de Loira nun moderno local social que ofrecerá distintos usos lúdicos e culturais

As obras na estrada que conecta Valdoviño e Cerdido supuxeron unha importante mellora da seguridade viaria

Valdoviño renova as súas infraestruturas sociais e veciñais co Plan único da Deputación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou o Concello de Valdoviño, onde destacou a contribución do Plan único á mellora de numerosos servizos e infraestruturas sociais e veciñais do municipio.

Acompañado do alcalde Alberto González e do deputado portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, González Formoso visitou o centro comunitario e o novo centro social de Loira, financiados con cargo ao POS+, e as obras xa rematadas de ampliación e mellora da DP 2502 que conecta o municipio con Cerdido.

González Formoso afirmou que os 4,5 millóns que o Plan único leva investido en Valdoviño desde a súa creación (970.000 € neste 2021) "axudan a crear infraestruturas sociais claves para o futuro do municipio coma o centro sociocomunitario que ubicará o futuro Centro de Día de Valdoviño ou a transformación do antigo palco da música de Loira nun moderno e versátil centro veciñal para a parroquia".

Futuro centro de día

Durante a visita, supervisaron as obras que permitiron transformar o antigo mercado municipal nun gran centro sociocomunitario de dúas plantas situado en pleno centro de Valdoviño, nun contorno próximo á Casa da Cultura, o Centro de Saúde e o CPI da localidade.

O goberno municipal plantea instalar alí o futuro Centro de Día para persoas maiores, un uso que se combinará cos actuais usos formativos e sociais (terapias para persoas con Alzheimer, programas coma a Escola de Familia...) que xa se desenvolven actualmente nestas isntalacións.

"As obras, cofinanciadas por Xunta e Deputación, supuxeron unha importante transformación do inmoble para adaptalo a estas novas necesidades. Será un auténtico Edificio Social para a veciñanza", explicou o alcalde, Alberto González. Á súa vez trasladouse a posibilidade de apoiar o cofinanciamento da terceira fase, agora en fase de licitación. Proposta que o presidente provincial aceptou, comprometéndose a estudar a contía que vai achegar.

Transformar un antigo palco nun moderno local social

O alcalde e o presidente provincial visitaron tamén o novo local social para a veciñanza de Loira. Unha ambiciosa intervención na que se investiron 85.718,12 euros con cargo ao Plan único e que permitiu a transformación radical dun antigo palco da música nun moderno e versátil espazo que permitirá distintos usos lúdicos e culturais.

A primeira planta do centro permite a súa total apertura ao exterior grazas a un sistema de ventás corredoiras plegables, o que converte este espazo nun magnífico escenario con vistas ao encoro das Forcadas.

As obras no inmoble, que data de 1987, completan unha serie de actuacións previas na zona, como a instalación do primeiro parque infantil da parroquia ou a dotación de aseos accesibles para dar servizo ao palco (ambas actuacións co apoio económico da Deputación).

Unha actuación que, segundo o alcalde, permite continuar recuperando espazos para o uso veciñal.

Mellora da estrada a Cerdido

Valentín González Formoso e Alberto González visitaron as obras, xa rematadas, de ampliación e mellora da estrada DP 2502, que conecta Valdoviño e Cerdido, e que supuxeron unha importante mellora da seguridade viaria na zona.

A intervención supuxo un importante investimento de máis de 700.000 euros para ampliar a vía de 5 a 9 metros de ancho, con carrís de 3,50 metros en cada sentido e beiravías laterais dun metro. O tramo obxecto de mellora, de 2,6 quilómetros, parte do lugar de O Portedoso (cruce coa DP-7603) e discorre polo núcleo de Vilaboi ata o encoro das Forcadas.

O servizo de Vías e Obras da Deputación estuda agora a redación dun proxecto para unha segunda fase que continuaría a ampliación e mellora de trazado desta estrada.

Nesta liña, o alcalde Alberto González puxo en valor o compromiso adquirido polo presidente provincial para dar continuidade á mellora da estrada ata o núcleo de Vilaboa, clave para optimizar as comunicacións nas parroquias do interior de Valdoviño.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X