Estás en:Emprego Novas

O Centro de emprendemento “A Estación” de Vedra intégrase na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación

Con esta nova incorporación, a Rede de Coworkorking amplíase a oito centros na provincia

Oleiros, Carballo, Brión, Boiro, Ames, Moeche, A Capela e Vedra contan con centros de ámbito comarcal para impulsar o emprendemento

González Formoso incide na importancia de "xerar oportunidades para a xente moza no mundo rural, fomentando a iniciativa empresarial e o autoemprego"

O Centro de emprendemento “A Estación” de Vedra  intégrase na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo,e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, asinaron hoxe na sede da institución provincial o convenio que permitirá pór a funcionar a pleno rendemento o centro de emprendemento A Estación, localizado na antiga estación de Santa Cruz de Ribadulla, que pasa a integrarse na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.

A Deputación da Coruña contribuirá ao financiamento das actividades de formación, titorización, apoio e difusión de proxectos emprendendores cunha achega de 58.100 euros, o que representa unha porcentaxe de preto o 80 % do orzamento total de gasto, que ascende a un total de 73.100 euros.

"Este será o oitavo centro da Rede Provincial grazas ao esforzo compartido de varios concellos", destacou Valentín González Formoso, que subliñou "a aposta que facemos desde a Deputación, creando unha gran rede de espazos de traballo colaborativo sectoriais, especializados nun determinado ámbito profesional, un modelo único no país". Formoso incidiu na importancia de que os centros "aproveiten o potencial e as particularidades propias de cada territorio" e ademais "fomenten sinerxias" e entre emprendedoras e emprendedores dun sector determinado.

"A Rede Provincial de Coworking pretende a xerar oportunidades para a xente moza no mundo rural, fomentando a iniciativa empresarial e o autoemprego", explicou o presidente.

Transformar a estación nun Centro de Emprendemento é para o Concello de Vedra, un importante medio para contribuír a favorecer o desenvolvemento socioeconómico da contorna do Ulla, poñendo en valor o patrimonio natural, a recuperación ambiental e a xestión sostible do Ulla no seu percorrido polos distintos termos municipais polos que transcorre, así como valorizando, promocionando e divulgando os recursos do territorio.

O proxecto incide no seu empeño de reter á xuventude e atraer a novos talentos como forma de loitar contra a progresiva perda de poboación do rural a través do fomento do emprego e a dinamización do tecido empresarial nos concellos da comarca do Ulla, a difusión de coñecementos, competencias e habilidades que sexan clave á hora de emprender.

Ademais, este centro pasará a formar parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo posta en marcha desde o Plan de Emprego Local e da que xa forman parte as centros do Pazo de Arenaza de Oleiros, Fórum Carballo, Daquí Darredor de Brión, Emprende LAB Boiro, o centro de emprendemento A Proa de Ames, o centro de desenvolvemento comarcal de Moeche e o coworking da Capela.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X