Estás en:Emprego Novas

O Plan único financia as obras de reforma integral do miradoiro de Santo Antón, en Ortigueira

O Plan único financia as obras de reforma integral do miradoiro de Santo Antón, en Ortigueira

« Facer do miradoiro de Santo Antón un espazo máis atractivo, acolledor, cómodo, seguro e accesible para que toda a veciñanza poida desfrutar del e das súas vistas». Estes son os obxectivos que o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, persegue coa reforma integral deste espazo de Espasante. Unhas tarefas que permitirán ofrecer unha imaxe completamente renovada do lugar coa renovación do pavimento, a instalación de novo mobiliario e iluminación e creación de espazos verdes.

A iniciativa está en fase de licitación e conta cun orzamento de 133.877 euros, financiados con cargo ao Plan único da Deputación da Coruña. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o día 24 de agosto.

As obras permitirán reformar este miradoiro, situado no centro urbano e excelente punto de observación da praia de Santo Antón, así como un dos principais lugares de esparexemento da parroquia de Espasante.

A intervención incluirá a renovación de materiais de acabado e aumento de zonas verdes, que fagan do espazo un lugar que integre natureza e cidade, configurando unha contorna idónea para a acollida de diversas iniciativas municipais.

Así pois, as actuacións permitirán renovar todo o pavimento con formigón impreso coloreado. Á súa vez, instalaranse novos elementos de mobiliario e recuperaranse os bancos existentes. Tamén se instalará nova iluminación acorde coa da rúa que dá acceso á praza, o que permitirá mellorar a calidade lumínica ao mesmo tempo que aumentar a eficiencia enerxética.

Así mesmo colocarase unha nova varanda máis diáfana feita de aceiro inoxidable mate, para contemplar a paisaxe da zona sen obstáculos polo medio, e rebaixarase o nivel do chan na zona noroeste da praza, de maneira que o terreo natural do noiro funcione como protección anticaídas.

Como colofón, no centro do miradoiro instalaranse como elemento decorativo unhas letras que formarán a palabra «Espasante» que contarán con iluminación desde o chan mediante proxectores encaixados.

As zonas axardinadas terán tamén o seu protagonismo, recolocando as árbores existentes nestes novos espazos e incluíndo un novo exemplar. Tres deles serán colocados en coroa de rega.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X