Estás en:Emprego Novas

Valentín González Formoso destaca o esforzo investidor da Deputación en políticas de reactivación económica e emprego no seu encontro con UGT-Galicia

O presidente da Deputación da Coruña reuniuse esta mañá na sede da institución provincial co secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, e o seu homólogo nas comarcas da Coruña e Cee, Ángel Iglesias, para analizar a situación socioeconómica da provincia coruñesa

Valentín G. Formoso salientou o compromiso e aposta provincial en materia de traballo a través do seu Plan de Emprego Local, co que nestes últimos anos "creamos 7.000 postos de traballo, máis de 1.700 novas empresas e no que investimos un total de 41,5 millóns de euros"

O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, agradeceu o traballo que desempeña a Deputación no eido laboral "que pese a non ter competencias na materia está facendo políticas de aposta polo emprego importantes, cun orzamento considerable en comparación con outras Deputacións e incluso coa Xunta de Galicia"

Valentín González Formoso destaca o esforzo investidor da Deputación en políticas de reactivación económica e emprego no seu encontro con UGT-Galicia

Valentín González Formoso destacou na reunión co secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, e o seu homólogo nas comarcas da Coruña e Cee, Ángel Iglesias, o esforzo investidor que a Deputación fai na provincia en materia de reactivación económica e promoción do emprego a través do seu Plan de Emprego Local (PEL).

No encontro celebrado esta mañá na sede provincial, o presidente da Deputación analizou cos máximos representantes do sindicato a situación laboral e social en Galicia e na provincia da Coruña, así como os retos relacionados coa recuperación e os fondos Next Generation. González Formoso tamén aproveitou para recoller propostas da central sindical en materia de emprego para incorporalas aos Orzamentos 2022, nos que o Goberno provincial xa está traballando.

Valentín González Formoso destacou o esforzo investidor que fai a Deputación para impulsar a reactivación económica da provincia nun contexto de crise derivada da pandemia. O Plan de Emprego Local (PEL) "fala por si mesmo", indicou o presidente provincial, que destacou que aínda non sendo unha competencia da Deputación "creamos nos últimos anos a través deste programa 7.000 postos de traballo, amparamos proxectos emprendedores da provincia da Coruña para crear máis de 1.700 empresas a día de hoxe e investimos un total de 41,5 millóns de euros nun ámbito como o da creación do emprego que non era especialmente o noso, pero que agora é a gran bandeira desta Deputación", quixo remarcar o presidente provincial.

25 millóns de euros en axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia

Valentín Formoso subliñou tamén "os 25 millóns de euros que a través dos dous plans REACTIVA destinamos o ano pasado en axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia, coma a hostalaría, pemes e autónomos", así como a Rede Provincial de Espazos de Coworking, que xa suma 10 centros en funcionamento e que pretende impulsar o emprego e a actividade económica nas zonas máis rurais da provincia, axudando a que a xente moza poda establecer alí a súa vida".

O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, agradeceu o traballo que desempeña a Deputación no eido, "que pese a non ter competencias na materia está facendo políticas de aposta polo emprego importantes, cun orzamento considerable en comparación con outras Deputacións e organismos, poderiamos dicir incluso que coa propia Xunta". Gómez expresou que "debería continuar ese paradigma de impulso por parte das administracións, de esforzo investidor, tanto para políticas de desenvolvemento industrial como de cohesión social e, loxicamente, para todo iso é necesario unha aposta polas políticas de emprego".

Pola súa banda, González Formoso tamén agradeceu "as opinións e as achegas permanentes do sindicato UGT no Foro Económico e Social da Deputación, un espazo de traballo e diálogo para construír xuntos o futuro da provincia". Este recurso terá un destacado papel no asesoramento ao goberno provincial no deseño de plans estratéxicos en eidos chave para o futuro da provincia coma o emprego, o desenvolvemento industrial, a loita contra a covid-19 ou os fondos europeos de recuperación.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X