Estás en:Emprego Novas

Aberto o prazo para participar no Concurso de guións contra a violencia de xénero

Poderá participar alumnado con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, titorizado por persoal docente dun centro de ensino público da provincia e con apoio da Dirección do centro

O prazo de presentación de traballos remata o 30 de novembro e o premio ao guión gañador consistirá nun curso práctico para a realización da curtametraxe e 4.000 euros para o centro educativo

Aberto o prazo para participar no Concurso de guións contra a violencia de xénero

A área de Igualdade da Deputación da Coruña, que xestiona a deputada María Muíño, vén de abrir a convocatoria para o VIII Concurso de guións contra a violencia de xénero. O obxecto deste certame é promover a elaboración dun guión, para a posterior realización dunha curta, que xere reflexión, conciencia, sensibilización e prevención da violencia vicaria como forma de control e dominación.

Este certame vai dirixido a alumnado con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos que presenten guións de forma individual ou en grupos de ata 6 persoas, supervisados e titorizados por persoal docente do centro de ensino público no que estean cursando estudos e que conten co apio da Dirección de dito centro.

Os guións poden presentarse ata o 30 de novembro e o premio ao guión gañador consistirá nun curso práctico de realización de curtas, durante o cal se producirá a curta baseada no guión e no que o alumnado participante poderá ser partícipe e protagonista en todo o proceso. Ademais, tamén se establece un premio en metálico de 4.000 euros para o centro educativo que titorice o guión gañador.

Nas sete edicións anteriores desta convocatoria, este concurso foi gañado por alumnas e alumnos do Instituto Poeta Añón do Concello de Outes, do Instituto Rafael Puga Ramón do Concello da Coruña, do IES Moncho Valcarce do Concello de As Pontes de García Rodríguez, do I.E.S. Isaac Díaz Pardo do Concello de Sada, do I.E.S. Moncho Valcarce do Concello As Pontes de García Rodríguez, do I.E.S. Lamas de Abade do Concello de Santiago de Compostela, e polo I.E.S. de Arzúa.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X