Estás en:Emprego Novas

Capelán destaca o apoio provincial ao deporte coruñés na presentación do I Desafío Internacional Ecocamiño

A deputada de Deportes asistiu ao acto celebrado en Melide para dar a coñecer a primeira edición desta proba, que contou con apoio financeiro da Deputación, que achegou 30.000 euros para a súa organización.

Capelán incidiu en que a competición permitirá combinar "o deporte co turismo, a gastronomía e a cultura da provincia coruñesa e repercutirá positivamente na vida social e na economía local, xerando riqueza nos municipios polos que discorre"

Capelán destaca o apoio provincial ao deporte coruñés na presentación do I Desafío Internacional Ecocamiño

A deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán, participou na presentación da primeira edición do Desafío Internacional Ecocamiño, que tivo lugar hoxe en Melide. Capelán destacou na súa intervención o apoio provincial a esta iniciativa, na que se combina deporte, turismo, gastronomía e cultura.

O ente provincial cofinancia cunha achega de 30.000 euros esta competición a través da liña de axudas a eventos deportivos singulares na provincia, que contou este ano cun orzamento total de 598.153 euros. "Unha liña coa que queremos impulsar o deporte coruñés para situalo na vangarda", remarcou Cristina Capelán.

A carreira celebrarase os vindeiros días 6 e 7 de novembro e contará con dúas modalidades que discorrerán polo Camiño Francés. Unha carreira – marcha longa de 110K, que sairá de Sarria e pasará por Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino e terá a súa meta en Santiago de Compostela. A outra será unha carreira – marcha media de 47K e o percorrido pasará por Melide, Arzúa, O Pino e Santiago. O evento, organizado polo Club UTMC, compaxinará así unha proba á que están chamados grandes atletas e outra para as persoas afeccionadas, que poderán gozar dos sendeiros e camiños do interior da provincia coruñesa.

Capelán destacou o éxito co que arranca a primeira edición "con case 300 persoas procedentes de diferentes puntos da xeografía nacional e internacional inscritas na carreira". A deputada provincial incidiu en que a iniciativa permitirá combinar "o deporte co turismo, a gastronomía e a cultura da provincia coruñesa". Capelán concluíu a súa intervención resaltando que este desafío "repercutirá positivamente na vida social e na economía local, xerando riqueza nos municipios polos que discorre" e agradeceu ao equipo organizador o traballo desempeñado para levar a cabo esta proba.

O Ecocamiño realizarase desde o respecto á natureza e será accesible a todas as persoas. Unha oportunidade para promocionar o trail running, o Camiño de Santiago, emblema turístico de Galicia por excelencia, e as marchas sendeiristas.

A carreira atópase nos calendarios da RFEA, a Asociación Internacional de Ultrarunning, a Asociación Internacional de Trail-Running e a Spain Ultrarunning League e permitirá promocionar o Camiño Francés, contando tamén con opcións para conseguir as credenciais e o selado das mesmas na saída, meta e nos puntos intermedios do percorrido.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X