Estás en:Emprego Novas

A Deputación aproba a creación de dous novos centros de coworking en Santiago e A Pobra

O pleno provincial aprobou hoxe financiamento para ambos centros, que se incorporarán a Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo

O Coworking Dixital CCompostela ofrecerá apoio para o desenvolvemento de novos modelos de negocio baseados na economía dixital

O Centro da Pobra terá capacidade para acoller dez iniciativas emprendedoras e desenvolverá unha experiencia piloto para implicar á veciñanza na comercialización dos excedentes dos cultivos domésticos

A Deputación aproba a creación de dous novos centros de coworking en Santiago e A Pobra

O 'Coworking A Pobra' e o 'Coworking Dixital CCompostela' pasarán a formar parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña, impulsada o abeiro do o Plan Emprego Local (PEL). O pleno da Deputación aprobou hoxe dúas propostas para adhesión e dinamización do 'Coworking A Pobra' á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo e para o financiamento do proxecto de desenvolvemento do 'Coworking Dixital CCompostela', que está previsto que despois tamén se incorpore.

Coa incorporación do Coworking A Pobra son xa 10 os centros integrantes da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo posta en marcha desde o Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña. Ata agora a Rede estaba integrada polo Pazo de Arenaza en Oleiros, polo Coworking de Carballo, o espazo de transformación Daquí Darredor en Brión, o LabBarbanza de Boiro, o Coworking A Capela, o centro de desenvolvemento comarcal A Fusquenlla de Moeche, o Green Coworking das Pontes, o centro de emprendemento A Estación de Vedra e o coworking A Proa de Ames.

Coworking A Pobra

O espazo colaborativo 'Coworking A Pobra' consta dun espazo de 143,23 m2 con capacidade para acoller 10 iniciativas emprendedoras: o espazo Emprende, con capacidade para 8 módulos de traballo dotados con mobiliario individual común, preferentemente para persoas emprendedoras que teñen a vontade de crear a súa propia empresa e o espazo Nómades, con capacidade para 2 módulos que se configuran preferentemente para usuarios externos que non permanezan de modo continuado no centro, senón por períodos de tempo moi concretos. Ademais pon a disposición das persoas emprendedoras e empresarias unha sala de reunións, un espazo de usos múltiples, cociña, zona de descanso, aseos e espazo de almacén e acceso a internet.

Para dinamizar a actividade deste centro a Deputación achegará 24.811,60 euros, o que supón o 80% do total do custo do proxecto, para a contratación dunha asistencia técnica que preste apoio na xestión e dinamización do coworking, para por en marcha un campus de emprendemento con perspectiva de xénero e para impulsar unha experiencia piloto para a promoción do sector primario dende o espazo coworking.

O Campus de emprendemento con perspectiva de xénero nace para estimular o espírito empresarial, combinando sesións teóricas con visitas a empresas competitivas e sostibles implantadas no concello da Pobra do Caramiñal ou na comarca do Barbanza. Servirá, polo tanto, de punto de encontro e interacción entre mulleres con potencial emprendedor e empresas lideradas por mulleres.

Ademais, con esta iniciativa desenvolverase unha experiencia piloto para implicar aos veciños e veciñas do concello da Pobra do Caramiñal con terreos de cultivo destinado ao autoconsumo para a comercialización dos seus excedentes alimentarios, que se integrarán nas actividades de dinamización do espazo de coworking.

Coworking Dixital CCompostela

Hoxe aprobouse tamén o convenio entre a Deputación da Coruña e a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela para a formalización dun convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto 'Coworking dixital CCompostela', no marco do Plan de Emprego Local (PEL).

O 'Coworking Dixital CCompostela' busca apoiar a transformación das pemes no momento actual de reflexión sobre a dixitalización que se leva a cabo en España e Europa, como vía necesaria para reforzar a súa produtividade, a súa competitividade, o seu crecemento e a súa internacionalización e, en certos casos, incluso a súa supervivencia. Para cofinancialo a Deputación achegará 37.789,50€ de fondos propios, o que supón o 20% do total, que ascende a 188.947,52 €.

Ofrecerá apoio no só tecnolóxico, senón tamén no desenvolvemento de novos modelos de negocio baseados na economía dixital, ademais de prestar apoio noutras áreas como o financeiro e formativo. O coworking abarca unha completa batería de servizos en torno ás dimensións de negocio, financiación e xestión da innovación e a transferencia de tecnoloxía, poñendo especial énfasis nos aspectos relacionados coa colaboración e o networking.

O proxecto ten un marcado carácter supramunicipal xa que o seu ámbito de actuación é o mesmo que o da Cámara de Comercio de Santiago, que comprende un total de 32 concellos da provincia: A Baña, Ames, Arzúa, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Dodro, Lousame, Mazaricos, Melide, Muros, Negreira, Noia, O Pino, Outes, Padrón, Porto do Son, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Teo, Touro, Toques, Vedra e Vilasantar.

En definitiva, a posta en marcha do "Coworking Dixital Ccompostela" incidirá directamente no crecemento económico da zona, a través da especialización tecnolóxica nos sectores produtivos industriais mediante a aplicación de tecnoloxías dixitais, todo iso baseado nun modelo innovador de transferencia de coñecemento.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X