Estás en:Emprego Novas

A Deputación inviste 249.000 euros na segunda fase de mellora da estrada DP-2502, que conecta Valdoviño e Cerdido

O proxecto dá continuidade aos traballos feitos nesta mesma estrada o ano pasado

O prazo para presentar ofertas remata o 14 de marzo

A Deputación inviste 249.000 euros na segunda fase de mellora da estrada DP-2502, que conecta Valdoviño e Cerdido

FOTO (ARQUIVO): Valentín González Formoso e Alberto González na visita ao remate da primeira fase das obras, en 2021

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación da segunda fase das obras de renovación do firme na estrada DP-2502, que conecta Valdoviño e Cerdido. Unha actuación valorada en 249.193,89 euros que supón a continuación dos traballos de mellora da seguridade viaria que a administración provincial está a acometer nesta vía.

As obras, que se levarán a cabo do PQ 3+000 ao PQ 5+600, inclúen a mellora da plataforma mediante o estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor. Previamente, realizarase a apertura de cunetas e a limpeza das beiravías. Tamén se contempla a reposición das marcas viais, cun ancho de 10 centímetros para cada carril, e das beiravías, cun ancho de 15 centímetros.

O prazo para presentar ofertas remata o 14 de marzo e o tempo estimado de duración dos traballos desde o seu inicio é de tres meses.

Mellora da seguridade viaria na DP-2502

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, comprometerase a continuar coa mellora do trazado desta estrada durante unha visita realizada o ano pasado ao Concello de Valdoviño tras o remate da primeira fase na que estivo acompañado polo alcalde da localidade, Alberto González, que explicou a importancia de dar continuidade á mellora da vía ata o núcleo de Vilaboa, clave para optimizar as comunicacións nas parroquias do interior de Valdoviño.

A primeira intervención supuxo un importante investimento de máis de 700.000 euros para ampliar a vía de 5 a 9 metros de ancho, con carrís de 3,50 metros en cada sentido e beiravías laterais de un metro. O tramo que foi obxecto de mellora, de 2,6 quilómetros, parte do lugar do Portedoso (cruce coa DP-7603) e discorre polo núcleo de Vilaboi ata o encoro das Forcadas

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X