Estás en:Emprego Novas

A Deputación destina 200.000 euros para crear unha senda de máis dun quilómetro na DP-3802 en Oroso

Este itinerario, que se executará na vía que vai de Ordes a Pontecarreira, terá un ancho de preto de 2 metros co obxectivo de incrementar a seguridade dos peóns

O proxecto está en fase de licitación pública e o prazo de presentación de ofertas remata o 14 de marzo

A Deputación destina 200.000 euros para crear unha senda de máis dun quilómetro na DP-3802 en Oroso

A Deputación da Coruña destina 201.267,49 euros para mellorar a seguridade viaria no Concello de Oroso coa construción dunha senda peonil de máis dun quilómetro na estrada provincial DP-3802 que vai de Ordes a Pontecarreira. O proxecto está actualmente en fase de licitación pública e enmárcase na segunda fase do plan de sendas peonís.

O tramo no que se actuará comprende desde o punto quilométrico 7+420 ata o 8+450. A senda contará cunha anchura de 1,8 metros e discorrerá pola plataforma existente, inicialmente pola marxe dereita no núcleo de Carballal, para logo cambiar de marxe á altura do local social de Marzoa, onde se conectará co camiño existente para peóns.

As tarefas tamén inclúen a canalización de pluviais mediante tubaxe de PVC e a correspondente execución de sumidoiros, pozos e arquetas necesarias, así como a canalización mediante tubaxe de polipropileno para a iluminación pública.

Durante a execución das obras, co fin de preservar a seguridade viaria, executaranse as tarefas primeiro por unha marxe e posteriormente pola outra, de modo que en todo momento se manterá en servizo un carril para o tráfico rodado.

O prazo de presentación de ofertas remata o 14 de marzo e o tempo estimado de duración dos traballos desde o seu inicio é de 5 meses.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X