Estás en:Emprego Novas

O coworking da Deputación na Capela conta xa con catorce proxectos emprendedores

Valentín González Formoso e Manuel Meizoso asinaron hoxe o convenio de colaboración para dinamizar as actividades do centro cunha achega de 32.000 euros

Os emprendedores recibirán titorización e soporte durante o proceso de incubación dos seus proxectos empresariais

O coworking da Deputación na Capela conta xa con catorce proxectos emprendedores

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde da Capela, Manuel Meizoso, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para financiar as actividades de dinamización, comunicación e xestión do coworking da Capela, que está integrado dentro da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.

Formoso subliñou que o centro, que xa conta con catorce proxectos empresariais aloxados nas súas instalacións, "ten como obxectivo crear emprego e contribuír a fixar poboación no rural".

"Queremos demostrar que tamén é posible xerar emprego e oportunidades desde o rural da provincia da Coruña cunha gran rede de centros de traballo colaborativo que dá soporte e apoio ás nosas e os nosos emprendedores para facer realidade as súas ideas de negocio", afirmou o presidente da Deputación, que lembrou que, a día de hoxe, a Deputación conta xa con 11 centros de coworking como o da Capela en diferentes comarcas coruñesas.

Formoso explicou que, ao abeiro deste convenio, aqueles proxectos que se instalen no lugar "recibirán titorización e apoio individualizado e continuo para poñelos en marcha". Así mesmo, a entidade provincial porá en marcha actividades de difusión e formación co obxectivo de orientar e dar apoio aos proxectos empresariais neste proceso de incubación para que cheguen a transformarse en exitosos negocios. Destacan entre as iniciativas cursos como o de "Plan integral de creación de empresa" ou o de "Vías para conseguir financiamento para o teu proxecto empresarial", aos que se sumarán obradoiros temáticos e eventos para fomentar o espírito da comunidade.

O alcalde da Capela, Manuel Meizoso, destacou tamén a aposta do goberno municipal por dinamizar un espazo que aspira a albergar o potencial emprendedor da comarca e axudar a fixar poboación e oportunidades no municipio.

A través do acordo asinado hoxe, a Deputación e o Concello da Capela comprometen o seu apoio nas accións de difusión e publicidade do espazo, así como a asistencia técnica para a súa administración e funcionamento, incluíndo a xestión e control das instalacións e os seus usos, titorías, seguimento de proxectos en marcha e captación de novas persoas usuarias, entre outras tarefas.

Con este obxectivo prevese a contratación dunha persoa encargada de administrar e promocionar accións no coworking, así como a provisión de relatores e servizo de catering para a celebración de eventos. O orzamento total para este plan ascende aos 40.000 euros, dos que a Deputación achegará un 80% do custe, 32.000 euros, e o Concello da Capela a contía restante.

A Rede Provincial de Coworking

O espazo de coworking da Capela adheriuse á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo mediante un convenio asinado a comezos de 2021. A día de hoxe conta con doce persoas emprendedoras que están a desenvolver 14 proxectos empresariais e que reciben asesoramento á hora de impulsar os seus negocios e dinamizar a economía na zona.

A Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, posta en marcha desde o Plan de Emprego Local, atópase actualmente conformada por 11 centros: o Coworking Pazo de Arenaza de Oleiros, o Fórum Carballo, o centro de transformación Daquí Darredor de Brión, o LAB Barbanza de Boiro, o coworking A Proa de Ames, o centro de desenvolvemento comarcal de Moeche, o GreenCoworking das Pontes, o centro de emprendemento A Estación de Vedra, o Coworking Dixital CCompostela de Santiago e o Coworking A Pobra, ademais do nomeado coworking A Capela.

Pódese atopar máis información sobre a Rede de Coworking en: https://redecoworking.pel.gal/.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X