Estás en:Emprego Novas

A Deputación completa os trámites de expropiación para as obras de ampliación da estrada DP 6301, en Oza-Cesuras, nas que investirá preto de 800.000 euros

Os titulares dos terreos están citados o 21 e o 22 de marzo no salón de plenos da casa consistorial para que a Deputación efectúe o pago dos depósitos previos

As obras, que contan cun investimento de preto de 800.000 euros, suporán duplicar a anchura da estrada, que pasará de 4 a 8 metros, mellorando a seguridade na entrada e saída do núcleo de Callobre e no acceso á estrada que vai a Limiñón

A Deputación completa os trámites de expropiación para as obras de ampliación da estrada DP 6301, en Oza-Cesuras, nas que investirá preto de 800.000 euros

A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o anuncio de pago de depósitos previos á ocupación dos terreos dos 97 predios afectados polo proxecto de ampliación e mellora da seguridade da estrada provincial DP 6301, de Serra de Abaixo a Porzomillos, no municipio de Oza-Cesuras. Os veciños e veciñas propietarios dos terreos afectados están citados o luns 21 de marzo e o martes 22 de marzo no salón de plenos da casa consistorial en horario de 16 a 17:30 horas o luns e de 16 a 17 horas o martes.

O proxecto supón un investimento de 793.958 euros, dos que 699.092 corresponden ao financiamento das obras e os restantes 94.866€ destinaranse ás expropiacións necesarias para a súa execución. As obras terán lugar en dous tramos que suman dous quilómetros e que van desde o inicio da estrada ata o núcleo de Callobre, no PK 1+180 e entre os PK 1+720 (saída de Callobre) e 2+500, onde se conecta coa estrada de Limiñón.

Este investimento suporá unha importante mellora da seguridade desta vía, duplicando a súa anchura dos catro metros actuais (con tramos de tres onde se complica notablemente o cruce de dous vehículos) ata os oito metros, dotando a estrada de carrís de circulación de 3,5 metros de ancho e beiravías de seguridade de medio metro.

O proxecto inclúe a substitución da drenaxe transversal da estrada ao seu paso polo regato da Pedra, así como a mellora das interseccións coas estradas que dá acceso aos núcleos de San Vicente de Vigo e Limiñón.A nova estrada pavimentarase con mestura bituminosa en quente. O prazo de execución das obras será de seis meses contados desde o seu inicio.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X