Estás en:Emprego Novas

A Deputación aprobará no pleno deste mes o novo proxecto de mellora da estrada do Confurco a Orro (Culleredo)

Cun orzamento actualizado de preto de 1,7 millóns, trátase do maior investimento programado pola área de Vías e Obras este ano na rede provincial de estradas

O proxecto inclúe a ampliación da estrada, mellora do trazado e construción dunha senda peonil, así como a renovación simultánea da rede de saneamento na DP 0510, que será financiada polo Concello

As obras contrataranse como un lote para a súa execución por parte da mesma empresa e licitaranse pola vía de urxencia para que estean en execución este outono

A Deputación aprobará no pleno deste mes o novo proxecto de mellora da estrada do Confurco a Orro (Culleredo)

A Deputación da Coruña levará ao pleno do vindeiro 29 de xullo a aprobación do novo proxecto de ampliación e mellora da estrada provincial DP-0510 do Confurco a Orro, no termo municipal de Culleredo.

O antigo proxecto vén de ser actualizado debido á alza de prezos dos materiais de construción nos últimos anos e á necesidade de incorporar ao proxecto de mellora da vía as obras de renovación da rede de saneamento na zona.

Cun orzamento total actualizado de 1.671.420 euros, a obra da DP-0510 será o maior investimento programado pola área de Vías de Obras na rede provincial de estradas durante este ano e incluirá a ampliación da plataforma da vía, a mellora do trazado e a construción dunha senda para mellorar a seguridade peonil, ademais da renovación completa da rede de saneamento, que será financiada polo concello con 250.317 euros, e que se executará simultaneamente coas obras da vía.

De feito, as obras contrataranse como un único lote para a súa execución por parte da mesma empresa e, unha vez aprobadas polo pleno, licitaranse pola vía de urxencia para que poidan estar en execución este mesmo outono.

O proxecto contempla a reparación da estrada desde o seu comezo, na intersección coa tamén vía provincial DP3109, ata o punto quilométrico 2+940, mellorando o acceso aos núcleos de Figueiras e Caiñás, e as diversas vivendas situadas neste tramo de preto de 3 quilómetros.

Na actualidade, esta vía ten un ancho medio de cinco metros e carece de beiravías, o cal impide unha correcta seguridade viaria. Para solucionalo, ampliarase a plataforma para dotala de dous carrís de tres metros cada un e de beiravías de medio metro, así coma de cunetas de seguridade.

Co obxectivo de favorecer o tránsito dos viandantes entre os diversos inmobles que se sitúan a ambas marxes da estrada, tamén se creará unha senda peonil de dous metros de ancho ao longo da totalidade da estrada. Ademais, nas zonas onde o ancho da vía o permite, aproveitarase para a creación dun aparcamento en batería.

O proxecto tamén prevé a mellora dos accesos e interseccións, a modificación das curvas con radio moi reducido e a execución dunha nova glorieta á altura do punto quilométrico 2+000, co fin de favorecer os cambios de sentido e de eliminar os puntos con alta perigosidade tanto para o tráfico rodado coma para os viandantes.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X