Estás en:Emprego Novas
O BOP publica hoxe a concesión das axudas de PEL-Pemes creación e ampliación do cadro de persoal e de PEL-Pemes mantemento do cadro de persoal

A Deputación financiará con máis de 5 millóns de euros a contratación de 548 persoas da provincia a través das axudas do PEL-Pemes do Plan de Emprego Local

A Deputación financiará con máis de 5 millóns de euros a contratación de 548 persoas da provincia a través das axudas do PEL-Pemes do Plan de Emprego Local

A Coruña, 1 de agosto de 2022. A Deputación da Coruña financiará con máis de 5 millóns de euros a realización de novas contratacións e o mantemento das contratacións indefinidas de máis de 548 persoas da provincia en concellos de menos de 20.000 habitantes.


A institución provincial publica hoxe no BOP a resolución de concesión das axudas da liña PEL-PEMES: por unha banda, da liña PEL-PEMES Creación e Ampliación do cadro de persoal, que sufragará os custos da realización de 381 novas contratacións e, por outra banda, da liña de PEL-PEMES Mantemento do Cadro de Persoal, que subvencionará, por segundo ano consecutivo, as contratacións indefinidas de 167 persoas traballadoras en pemes con domicilio fiscal nun concello de menos de 20.000 habitantes da provincia.
O goberno presidido por Valentín González Formoso, consciente do difícil panorama socioeconómico actual, marcado pola guerra en Ucraína e o incremento continuado de prezos, decidiu suplementar o crédito destinado a estas dúas convocatorias.


De aí que, aínda que estas liñas xa viran incrementados os seus orzamentos iniciais respecto da anualidade anterior foran suplementados á fin de chegar ao maior número de empresas posible. A liña de PEL-Pemes Creación e Ampliación, que nesta anualidade contaba xa cun crédito inicial de 2,5 millóns suplementouse ata os 3,5 millóns. Pola súa banda, a liña de PEL-Pemes Mantemento incrementouse pasando de 1 millón ata máis de 1,5 millóns.


PEL-PEMES Creación e Ampliación do cadro de persoal axudará a que 381 persoas desempregadas sexan contratadas
Un total de 381 autónomos, autónomas, microempresas e pemes de concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia levarán a cabo novas contratacións de novo persoal grazas a que as axudas do PEL-PEMES financiarán o 70% dos custos laborais durante un período máximo de 12 meses e sempre dentro da anualidade 2022, incluíndo os gastos de soldos e salarios, Seguridade Social, así como outros gastos sociais relativos á prestación por incapacidade temporal e as indemnizacións por fin de contrato, impulsando así a actividade empresarial das zonas con menor poboación da provincia e apoiándoas en momentos difíciles na creación de emprego. O contrato deberá formalizarse por unha duración mínima de 6 meses e o importe a conceder está vinculado ao número de meses subvencionables dentro da anualidade 2022, cun máximo de 15.000 euros por 12 meses.


En canto á distribución das axudas por concellos, os que teñen un maior número de solicitudes concedidas son os seguintes: Mazaricos (20 por importe total de 178.129,67 €) Melide (20 por importe total de 159.597,10 €), Bergondo (8 por importe total de 103.568,52 €), Cee (8 por importe de 87.080,00 €) e Santa Comba (16 por importe de 151.092,53 €).
Por comarcas destacan a de Santiago, con 138 solicitudes concedidas (o 36% do total das concedidas) e un total de 1.301.864,15 €, a de Carballo con 76 solicitudes concedidas (o 20%) e un montante de axudas por importe de 625.376,21€ e a da Coruña con 68 solicitudes concedidas (o 18%) e unha contía de subvencións de 651.332,57€.
Atendendo á tipoloxía de empresa, a meirande parte dos beneficiarios son empresarios/as individuais ou autónomos/as xa que supoñen máis da metade das solicitudes concedidas, concretamente o 54,07% do total.
Tamén resulta destacable que o 28% das empresas beneficiarias pertencen ao sector da hostalaría e turismo dentro do sector terciario, seguidas de empresas do sector comercio, que supoñen o 15% do total. Ademais, o 64,82% de beneficiarios/as das axudas desenvolven actividades económicas especialmente afectadas pola pandemia COVID-19.
Practicamente a totalidade de pemes e autónomos/as beneficiarios/as desta axuda son novos beneficiarios, concretamente o 98%, é dicir, persoas e pemes que non resultaron beneficiarios/as desta axuda na anualidade anterior.


As axudas de PEL-Pemes Mantemento do cadro de persoal concédense a todas as pemes solicitantes que cumpran os requisitos esixidos nas bases
Por outra banda, as axudas do PEL-Pemes Mantemento incentivan o emprego estable e de calidade, subvencionando o segundo ano de contrato das persoas traballadoras contratadas ao abeiro da convocatoria de PEL-Pemes Creación e Ampliación 2021 na modalidade de contrato indefinido.

LIGAZÓN  BOP:
https://bit.ly/3cVYxde

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X