Inaugurado o novo curso no IES Rosalía Mera da Deputación da Coruña
A deputada de Educación, Sandra González, destacou que "o Rosalía Méra é un centro de referencia, comprometido coa cidadanía da provincia" e salientou a acollida de 40 persoas refuxiadas da guerra de Ucraína na residencia
O centro, con 66 anos de historia, conta cun elevado índice de inserción laboral
A deputada de Educación da Deputación da Coruña, Sandra González, inaugurou oficialmente esta mañá o curso escolar 2022-2023 no IES Rosalía Mera da Coruña. Ao acto asistiu tamén o director do centro, Genaro García e o actor Quico Cadaval, que deu a lección inaugural.
"O primeiro día está sempre cheo de nervios e incertezas, pero tamén de gañas e ilusión", destacou a deputada no acto oficial do inicio do curso, instando ao alumnado presente a que "non perdades esta ilusión do primeiro día e a que a aproveitedes para sacar o máximo rendemento aos vosos estudos".
Sandra González afirmou que "hoxe, o Rosalía Mera é, para orgullo de todos, un centro de referencia". "É referente para moitas empresas da Coruña á hora de buscar técnicos cualificados pero, ademáis, é un centro comprometido coa cidadanía da provincia", sinalou, apuntando á celebración nas súas instalacións do certame de teatro escolar e afeccionado da provincia e do campamento deportivo de verán da Deputación, ademais de ser sede do Clube Calvo Sotelo de fútbol e fútbol sala "que este ano pasará a chamarse Club Rosalía Mera".
Lembrou tamén que "con motivo da guerra de Ucraína, a Deputación, mediante un convenio con Cruz Vermella, acolle nas instalacións da residencia de estudantes a unhas 40 persoas que fuxiron da guerra, o que demostra que seguimos poñéndonos ao servizo daqueles que máis nos necesiten".
Ante os 328 alumnos e alumnas que este ano cursarán os seus estudos no centro e os 30 docentes que se encargarán de formar aos futuros profesionais, Sandra González subliñou "os 66 anos de compromiso coa formación profesional dos mozos e mozas da provincia" deste centro educativo dependente da Deputación da Coruña, que naceu cunha importante vocación social para axudar aos que non tiñan medios para estudar e que "foi a casa de moitos alumnos de todos os recunchos da provincia nos tempos nos que o acceso a unha formación de calidade era case imposible para moitas familias".
Por último, a deputada deixou claro que "a Deputación segue apostando por este centro, dotándoo das instalacións e os medios materiais e humanos que permitan manter a calidade do ensino que aquí se imparte, e que fai que os nosos alumnos logren un elevado índice de inserción laboral".