A Deputación da Coruña inviste 3,6 millóns de euros para impulsar a creación de 500 empregos nos concellos da provincia
Valentín González Formoso destacou o "carácter social" do programa PEL-Concellos, que prima a contratación de persoas con especiais dificultades de inserción laboral
PEL-Concellos deu unha oportunidade laboral a máis de 3.300 persoas desde a súa creación en 2016
Todos os concellos da provincia recibirán entre 19.000 e 75.000 euros para crear emprego durante un ano
Formoso anuncia que, a finais de xaneiro, a Deputación convocará as liñas do PEL destinadas a apoiar a creación de emprego no sector privado, e as liñas de apoio a PEMES e persoas autónomas, que estarán dotadas con 7,6 millóns de euros
A Deputación da Coruña inviste este ano 3,6 millóns de euros para crear emprego nos 93 concellos da provincia. Faino a través dunha nova convocatoria do programa PEL-Concellos, unha das liñas do seu consolidado Plan de emprego local (PEL), que este ano destinará máis de 12,8 millóns de euros á creación de emprego tanto no sector público coma no privado.
A liña PEL-Concellos permitirá que os 93 concellos coruñeses poidan contratar durante un ano a persoas desempregadas para a prestación de servizos municipais tan imprescindibles como a limpeza viaria, mantemento da iluminación pública, recollida e tratamento de residuos, abastecemento de auga potable e redes de sumidoiros, melloras nos accesos aos núcleos de poboación, pavimentación das vías públicas, mantemento de parques e xardíns, protección da salubridade pública ou mantemento e vixilancia dos centros públicos de ensino, entre outros.
PEL, o maior programa de emprego local en Galicia
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, afirmou o PEL "é o maior programa de emprego impulsado por unha administración local en Galicia" e subliñou o "carácter social" desta liña do PEL para concellos, que "ofrece unha oportunidade laboral a centos de persoas con especiais dificultades para atopar un emprego nun contexto social e económico tan difícil coma o actual".
O presidente sostivo que a creación de emprego e a protección social dos colectivos máis desfavorecidos son os dous obxectivos principais do Goberno provincial co obxectivo de "impulsar a recuperación económica de forma xusta, apoiando os colectivos que máis o necesitan".
O ano pasado, PEL-Concellos permitiu crear preto de 500 empregos nos 93 concellos da provincia e deu unha oportunidade laboral a máis de 3.300 persoas desde a súa creación en 2016.
Formoso anunciou que, a finais de xaneiro, a Deputación convocará as liñas do PEL-2023 destinadas a apoiar a creación de emprego no sector privado, financiando ata o 80% dos custos das novas contratacións, así como os investimentos das PEME e as liñas de apoio aos autónomos, que estarán dotadas con 7.654.000 euros.
Os concellos recibirán entre 19.000 e 75.000 euros
O importe que vai recibir cada concello con menos de 50.000 habitantes varía en función da porcentaxe resultante de dividir o número de persoas desempregadas entre o número total de persoas desempregadas nos concellos de menos de 50.000 habitantes, oscilando as cifras entre os 19.000 e os 52.000 euros.
Pola súa banda, os concellos da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela optarán a unha contía única de 75.000 euros para contratar persoal.
As administracións locais poderán destinar as subvencións a financiar os custos salariais e de Seguridade Social derivados da contratación do novo persoal, ademais das indemnizacións de fin de contrato e os cursos de formación en materia de riscos laborais que deban realizar as persoas contratadas segundo a lexislación laboral vixente.
As e os operarios terán unha xornada mínima semanal de 25 horas e realizarán labores relacionados co desenvolvemento de servizos municipais imprescindibles. Os Concellos deberán ter en conta á hora de levar a cabo os contratos que estes deben adaptarse ao establecido pola reforma laboral e que pasarán a rexerse polo Real decreto-lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.
As persoas con maior dificultade para atopar traballo serán a prioridade
Á hora de seleccionar o persoal, os concellos deberán aplicar criterios sociais e dar prioridade á inserción de persoas que pertenzan a colectivos con maiores dificultades para acceder a un posto de traballo.
Así pois, beneficiarase a persoas maiores de 45 anos, desempregadas de longa duración, persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, pertencentes a fogares con todos os seus membros sen emprego, vítimas de violencia de xénero, en risco de exclusión laboral ou mulleres. Ademais, dentro destes colectivos, os concellos primarán a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.
O prazo para que os concellos poidan presentar as súas solicitudes abrirase nos vindeiros días coa publicación destas axudas na Base Nacional de Subvencións.
As bases reguladoras poden consultarse na seguinte ligazón:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2023/01/19/2023_0000000269.html
Importes que ha conceder PEL-CONCELLOS | |
COMARCA DO BARBANZA | 470.000,00 € |
Boiro | 52.000,00 € |
Carnota | 37.000,00 € |
Lousame | 28.000,00 € |
Mazaricos | 31.000,00 € |
Muros | 46.000,00 € |
Noia | 49.000,00 € |
Outes | 37.000,00 € |
Pobra do Caramiñal, A | 46.000,00 € |
Porto do Son | 43.000,00 € |
Ribeira | 52.000,00 € |
Rianxo | 49.000,00 € |
COMARCA DE BERGANTIÑOS-COSTA DA MORTE | 643.000,00 € |
Cabana de Bergantiños | 37.000,00 € |
Camariñas | 40.000,00 € |
Carballo | 52.000,00 € |
Cee | 49.000,00 € |
Cerceda | 37.000,00 € |
Corcubión | 28.000,00 € |
Coristanco | 46.000,00 € |
Dumbría | 37.000,00 € |
Fisterra | 37.000,00 € |
Laracha (A) | 49.000,00 € |
Laxe | 37.000,00 € |
Malpica de Bergantiños | 40.000,00 € |
Muxía | 37.000,00 € |
Ponteceso | 40.000,00 € |
Vimianzo | 40.000,00 € |
Zas | 37.000,00 € |
COMARCA DE CORUÑA E AS MARIÑAS | 781.000,00 € |
Abegondo | 37.000,00 € |
Aranga | 25.000,00 € |
Arteixo | 52.000,00 € |
Bergondo | 43.000,00 € |
Betanzos | 52.000,00 € |
Cambre | 52.000,00 € |
Carral | 40.000,00 € |
Coirós | 25.000,00 € |
Coruña (A) | 75.000,00 € |
Culleredo | 52.000,00 € |
Curtis | 31.000,00 € |
Irixoa | 22.000,00 € |
Mesía | 25.000,00 € |
Miño | 43.000,00 € |
Oleiros | 52.000,00 € |
Oza-Cesuras | 37.000,00 € |
Paderne | 25.000,00 € |
Sada | 52.000,00 € |
Sobrado | 22.000,00 € |
Vilasantar | 19.000,00 € |
COMARCA DE FERROLTERRA, EUME E ORTEGAL | 782.000,00 € |
Ares | 43.000,00 € |
Cabanas | 31.000,00 € |
Capela (A) | 25.000,00 € |
Cariño | 37.000,00 € |
Cedeira | 43.000,00 € |
Cerdido | 25.000,00 € |
Fene | 52.000,00 € |
Ferrol | 75.000,00 € |
Mañón | 22.000,00 € |
Moeche | 22.000,00 € |
Monfero | 22.000,00 € |
Mugardos | 40.000,00 € |
Narón | 52.000,00 € |
Neda | 40.000,00 € |
Ortigueira | 40.000,00 € |
Pontedeume | 46.000,00 € |
Pontes (As) | 49.000,00 € |
San Sadurniño | 28.000,00 € |
Somozas (As) | 25.000,00 € |
Valdoviño | 43.000,00 € |
Vilarmaior | 22.000,00 € |
COMARCA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA | 930.000,00 € |
Ames | 52.000,00 € |
Arzúa | 34.000,00 € |
Baña (A) | 31.000,00 € |
Boimorto | 25.000,00 € |
Boqueixón | 28.000,00 € |
Brión | 46.000,00 € |
Dodro | 31.000,00 € |
Frades | 25.000,00 € |
Melide | 43.000,00 € |
Negreira | 46.000,00 € |
Ordes | 49.000,00 € |
Oroso | 43.000,00 € |
Padrón | 49.000,00 € |
Pino (O) | 31.000,00 € |
Rois | 37.000,00 € |
Santa Comba | 46.000,00 € |
Santiago de Compostela | 75.000,00 € |
Santiso | 25.000,00 € |
Teo | 52.000,00 € |
Toques | 19.000,00 € |
Tordoia | 28.000,00 € |
Touro | 31.000,00 € |
Trazo | 25.000,00 € |
Val do Dubra | 28.000,00 € |
Vedra | 31.000,00 € |
TOTAL PROVINCIA | 3.606.000,00 € |