Formoso reclama á Xunta máis medidas para evitar a adicción ao xogo entre os menores
A Deputación e Agalure advirten dos riscos de adicción aos videoxogos e das súas posibles relacións coa ludopatía con prácticas como os micropagos, cada vez máis frecuentes
Formoso destaca que a Deputación é moi sensible a esta problemática e a outras coma a ludopatía e pide á Xunta medidas máis ambiciosas como alonxar as casas de apostas máis dun quilómetro dos colexios ou esixir o DNI electrónico para garantir que os menores non accedan a xogos de azar
A xornada de hoxe contou con expertos coma o gamer Daniel Loren, Antonio Rial Boubeta, , Ana Estévez e Ramón Peña
A Deputación da Coruña acolleu hoxe a xornada "Como detectar, tratar e previr a adicción aos videoxogos" desenvolvida en colaboración coa Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados (Agalure), na que se advertiu dos riscos desta nova adicción e as súas relacións coa ludopatía con prácticas coma os micropagos, cada vez máis frecuentes.
O seminario, dirixido aos servizos sociais dos concellos e aos servizos de orientación de centros educativos, foi inaugurado polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e o presidente de Agalure, Francisco Gil.
"Con esta xornada queremos enviar un sinal á sociedade de que administracións como a Deputación da Coruña estamos moi sensibilizadas e comprometidas con esta problemática que afecta a moitas familias, e outras relacionadas coma a ludopatía, e de que estamos dispostos a facer o que haxa que facer para que outras administracións como a Xunta de Galicia se impliquen tamén a fondo neste problema", afirmou Formoso en declaracións aos medios previas ao acto.
Formoso advertiu sobre "os riscos tecnolóxicos que irrompen nos nosos fogares en forma de videoxogos ou apostas en liña" e demandoulle á Xunta medidas máis ambiciosas para a prevención da ludopatía e a regulación das casas de apostas, como afastar estes lugares a máis dun quilómetro dos centros educativos ou que se esixa o DNI electrónico que lles impida aos menores acceder aos xogos de azar ou ás apostas en liña.
Formoso subliñou que a lei autonómica que regula o xogo "vén de 1985, cando nin sequera existía internet, nin se vían casas de apostas", afirmou, polo que considerou necesario adaptar a lexislación á realidade actual e non ceder ante o poder "dun grupo de influencia (lobby) moi poderoso", como é a industria do xogo.
"Entendemos que se necesita control e supervisión pública neste asunto, sobre todo desde que o ano pasado a Organización Mundial da Saúde recoñeceu a adicción aos videoxogos como unha enfermidade", sostivo o presidente da Deputación.
O presidente de Agalure, Francisco Gil, afirmou que a adicción aos videoxogos "é cada vez un problema máis frecuente, que comeza a idades moi temperás". "Queremos orientar aos servizos sociais municipais e aos servizos de orientación dos colexios a través de expertos na materia", dixo o responsable de Agalure.
Pola súa banda, Daniel Loren, gamer e experto en videoxogos afirmou que "non é só o abuso do tempo dedicado a xogar, senón o envoltorio no que vén presentado, co que a industria pretende manterte xogando o maior tempo posible e rascarche o peto, o que pode dar lugar a cousas desagradables dentro dunha familia", afirmou.
Loren advertiu de prácticas cada vez máis frecuentes como "compras ou micropagos dentro do videoxogo, ou as ruletas que emulan os xogos de azar". "Moitas veces os pais non coñecen todo o que inclúe un videoxogo ao que xogan os seus fillos, advertiu.
"As empresas de videoxogos son unha industria moi poderosa que factura xa máis que Hollywood e traballa para facer os seus produtos cada vez máis atractivos e adictivos", sostivo Loren, que defendeu a necesidade de implantar lexislación "que impida que os menores poidan acceder a este tipo de prácticas abusivas".
Na xornada participaron tamén Ana Estévez, profesora do departamento de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico da Universidade de Deusto, que falou sobre "A fronteira entre o trastorno de azar e a adicción aos videoxogos"; Ramón Peña, formador do Plan director da Garda Civil de Lugo, que abordou a historia e prevención destas novas adiccións, e Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía Social e profesor da área de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento da USC, que falou sobre "O impacto das TRIC na adolescencia".
O compromiso da Deputación contra a ludopatía
A Deputación da Coruña puxo en marcha iniciativas nos últimos anos, conxuntamente con AGALURE, para abordar as adiccións sen substancia coma a dos xogos de azar tratando de chegar directamente ao público obxectivo, á mocidade, a través de charlas en centros educativos e das canles de comunicación que máis empregan.
O ano pasado, a Deputación e Agalure impulsaron un programa piloto de prevención da ludopatía en 18 centros escolares da provincia e a campaña publicitaria "Non xogues co xogo. Aposta pola vida", na que colaboraron de forma altruísta artistas e caras coñecidas da televisión e o mundo do espectáculo coma Xosé A. Touriñán, María Mera, David Perdomo, Eva Iglesias ou o grupo musical Verto para alertar a mocidade de que "as apostas deportivas non son un xogo".