Estás en:Emprego Novas

Formoso destaca a importancia de “dotar de ferramentas ao talento propio para que radique en Galicia” durante a presentación do laboratorio ‘Ames Av Lab’

O presidente da Deputación e o alcalde de Ames, Blas García, presentaron o proxecto ás principais empresas do sector na localidade

O programa, cun investimento de 200.000 euros, conta con capacidade para impulsar 15 proxectos audiovisuais

Crearase un sistema de bolsas de 10.000 euros cada unha destinado a desenvolver os proxectos e a incentivar a incorporación da mocidade ao sector

Está en consonancia co proxecto do estudio audiovisual virtual que se está a desenvolver na Cidade das TIC da Coruña, que será o máis grande de España, e conta cun investimento de 8 millóns de euros

Formoso destaca a importancia de “dotar de ferramentas ao talento propio para que radique en Galicia” durante a presentación do laboratorio ‘Ames Av Lab’

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou esta mañá o Espazo Colaborativo A Proa, no Concello de Ames, xunto co alcalde Blas García, para presentar ás principais empresas do sector o proxecto Ames AV Lab, un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais co que se pretende impulsar a  produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o importante tecido produtivo do sector audiovisual no municipio. No acto participaron tamén a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Paz e a técnica María LLoves.

O proxecto Ames AV Lab conta cun financiamento de 200.000 euros, dos que 160.000 euros, o 80% do financiamento, son achegados pola Deputación da Coruña, e o 40% restante por parte do Concello de Ames.

Durante a súa intervención Formoso subliñou a importancia de "dotar de ferramentas ao talento propio para que radique en Galicia, de xeito que permita ilusionar aos nosos creadores e creadoras do eido do audiovisual e isto se acabe traducindo na creación de empregos".

O presidente indicou que "desde a Deputación da Coruña apoiamos o desenvolvemento deste coworking A Proa, un dos 11 da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo que na actualidade xa alberga a 30 emprendedoras e emprendedores que están a facer realidade as súas ideas aquí, no Concello de Ames".

Formoso destacou que Galicia é unha das rexións máis competitivas no sector audiovisual e está á vangarda na creación de contidos tanto para cine, televisión ou plataformas e subliñou a importancia estratéxica dun sector que con máis de 700 empresas, factura 411 millóns de euros anuais e crea 4.500 empregos directos, así como a "oportunidade" que supón o Plan "España, Hub Audiovisual de Europa", dotado con máis de 1.600 millóns de euros e destinado a transformar o ecosistema audiovisual do país e impulsar a súa internacionalización.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou "o gran traballo conxunto que se realizou entre as administracións, as empresas e a Universidade de Santiago de Compostela para facer realidade este proxecto".

"Desde as institucións públicas temos a obriga de axudar a esas persoas con inquedanzas e ideas para poñer en marcha os seus proxectos. Por isto, grazas á colaboración da Deputación e do tecido industrial impulsamos este laboratorio, que fai boa proba do potencial audiovisual en Galicia, e que vai manter á nosa Comunidade como un referente en España" engadiu o rexedor.

O laboratorio "Ames Av Lab"

O programa nace con capacidade para impulsar 15 proxectos, que deberán superar unha selección previa onde se valorará a diversidade e a inclusión, priorizarase o uso do galego e terá en conta a incorporación de mozos e mozas menores de 30 anos ao sector. Ademais, crearase un sistema de bolsas (10.000 euros por proxecto) que deberán destinarse á creación e o desenvolvemento de cada unha das propostas, o que incentivará aos máis novos á incorporación ao sector.

Trátase dun programa que vai facilitar a aceleración de proxectos audiovisuais, a través do impulso da súa produción, o fomento do talento emerxente e a dinamización do importante tecido produtivo do sector audiovisual.

Durante este tempo, líderes neste eido impulsarán os proxectos a través dunha adecuada planificación da fase de posprodución desde o inicio, aproveitando todo o seu potencial para lograr elementos audiovisuais e dixitais competitivos a través do Big Data.

Este proxecto, ademais, busca avanzar cara un modelo de desenvolvemento sostible do sector audiovisual, aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de igualdade de xénero, traballo decente e crecemento económico, a innovación, a dixitalización industrial e a redución das desigualdades.

En consonancia co proxecto audiovisual na Cidade das TIC

O presidente da Deputación destacou que "este proxecto 'Ames Av Lab está en consonancia co estudio audiovisual que estamos a desenvolver na Coruña, cun investimento de 8 millóns de euros, para situar a Galicia como un dos referentes audiovisuais en Europa e que o talento local non teña que marchar para poder desenvolver os seus proxectos".

No ano 2024, na Cidade das TIC da Coruña, vaise facer realidade o maior estudo audiovisual virtual de España, un proxecto pioneiro de innovación.

A nave contará cunha superficie construída de 1.600 metros cadrados, dos que 750 metros se van  dedicar a un plató con tecnoloxía inmersiva pioneira en Europa, con capacidade para recrear calquera escenario real ou de ficción.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X