Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña alíase coas universidades de Santiago de Compostela e A Coruña para apoiar o emprendemento innovador con base tecnolóxica  

A institución provincial achega 400.000 euros para que USC e UDC participen na ampliación de capital de UNIRISCO, a primeira empresa de capital risco vinculada aos proxectos das universidades galegas

Formoso detaca o compromiso da Deputación "nun tema clave como é a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa, que supón en definitiva unha aposta polo talento da nosa xente moza para impulsar novos proxectos empresariais que contribúan ao desenvolvemento económico de Galicia"

A Deputación da Coruña alíase coas universidades de Santiago de Compostela e A Coruña para apoiar o emprendemento innovador con base tecnolóxica   

Formoso suscribiu o acordo cos reitores da USC, Antonio López, e UDC, Julio Abalde

Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Julio Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña (UDC), asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a ampliación do capital social de Unirisco, a sociedade de capital risco participada por ambas institucións académicas para impulsar na provincia da Coruña a creación de novas empresas innovadoras con unha importante base tecnolóxica.

A Deputación compromete neste acordo unha achega económica de 400.000 €, coa finalidade de financiar a participación das universidades de Santiago e da Coruña na ampliación de capital de UNIRISCO GALICIA.

Esta sociedade ten como misión fundamental contribuír a incrementar a transferencia de coñecementos das universidades e centros de investigación ao mundo empresarial, achegando financiamento, participando no capital e concedendo préstamos a proxectos emprendedores baseados en ciencia e tecnoloxía. Tanto a Universidade de Santiago como a de A Coruña son socias fundadoras e participan no accionariado desta sociedade de capital risco.

A ampliación de capital de UNIRISCO é unha boa oportunidade para que, co apoio da Deputación da Coruña, USC e UDC poidan participar da mesma e así asegurar que na política de investimentos de UNIRISCO se priorice a empresas radicadas na provincia da Coruña pertencentes a sectores considerados estratéxicos como a biotecnoloxía, farmacoloxía, tecnoloxías da saúde, tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), sector agroalimentario, industria 4.0, economía circular ou novas formas de enerxía e sustentabilidade.

Tanto o presidente da Deputación coma os reitores das universidades salientaron a necesidade de apostar decididamente pola innovación e as novas tecnoloxías, favorecendo ecosistemas de emprendemento de base tecnolóxica.

"Unha das claves no desenvolvemento desta política é o apoio financeiro que entidades como UNIRISCO poden ofrecer ás empresas de nova creación cuxa actividade se enmarque en sectores estratéxicos para a provincia", explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso.

Formoso destacou o "firme compromiso da Deputación nun tema clave como é a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa, que supón en definitiva unha aposta polo talento da nosa xente moza para impulsar proxectos empresariais que contribúan ao desenvolvemento económico de Galicia".

O reitor da USC agradeceu o apoio da Deputación "a un proxecto que leva vinte anos funcionado e que impulsa proxectos emprendedores que teñen base no coñecemento que se xera nas universidades galegas e que se converten en empresas. Unha fórmula de éxito que fixo que fose necesario ampliar o capital", explicou Antonio López.

O reitor da UDC, Julio Albade, remarcou "as universidades galegas fomos pioneiras nesta ámbito, xa que Unirisco foi a primeira empresa de capital risco universitaria do Estado Español".

"É importante que sigamos avanzando neste eido, porque nos axuda a reter o talento que tanto necesitamos en Galicia e é unha boa nova que a Deputación da Coruña poste claramente polo emprendemento e por consolidar aquí empresas, algunhas xa referentes no seu ámbito. O importante é que traballamos conxuntamente polo futuro da nosa sociedade", afirmou Abalde.

Os reitores da USC e UDC destacaron que , ao abeiro de Unirisco, conformáronse iniciativas emprendedoras que hoxe son referentes nos seus sectores como GaliChimia, asentada en Touro e gañadora do premio PEL á mellor iniciativa empresarial consolidada 2021, que naceu cunha participación inicial de Unirisco e hoxe conta con máis de 100 traballadores e unha posición punteira no seu sector, ou a tecnolóxica coruñesa Appentra.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X