A Deputación premia a Down Coruña, Teima Down Ferrol, ASPANAES, Ambar, Asponaga e Íntegro polo seu traballo a favor da inclusión
"Para a Deputación é un orgullo poder colaborar en programas que axudan ao desenvolvemento persoal, a inclusión e a igualdade de oportunidades de miles de persoas na provincia", afirma Valentín González Formoso
O presidente destaca que "nunha época moi complexa no eido económico, derivado dunha pandemia global e unha guerra en Europa, aprobamos o maior investimento social da historia da Deputación para estar ao carón das persoas que máis o necesitan"
A Deputación entregou hoxe os II Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais a cinco entidades senlleiras da provincia que destacaron polo seu traballo a favor da inclusión social e a protección dos colectivos máis vulnerables.
A gala de entrega dos premios, que tivo lugar no IES Rosalía Mera da Coruña, acolleu a representantes das numerosas entidades da provincia que optan a estes premios. En total, estaban representadas máis de medio centenar de asociacións que levan a cabo actividades relacionadas coa atención á infancia e a mocidade, persoas con diversidade funcional, maiores, inmigración, apoio a persoas trastornos aditivos, ou persoas en risco de exclusión social.
Os II Premios de Boas Prácticas recaeron na Asociación Down Coruña, polo proxecto de inserción sociolaboral "Quiosco Down Experiencie" situado na praza de Ourense da Coruña; na Asociación Síndrome de Down Teima de Ferrol, polo proxecto de fomento da vida independente "Marcho que teño que marchar"; na Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista TEA (Aspanaes) da provincia da Coruña, polo proxecto sociosanitario "Dentisteando. programa de sensibilización" e na Asociación Ámbar de Barbanza, pola súa traxectoria exemplar de apoio ás persoas con diversidade funcional desta comarca.
Os galardóns completáronse con dúas mencións honoríficas para a Asociación pro Personas con Discapacidad Intelectual de Galicia (Aspronaga) polo seu programa de itinerarios académicos post-obrigatorios e para a Asociación Integro de Personas con Diversidade Funcional da Comarca de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, que este ano cumpriu o seu 30 aniversario.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, tomou a palabra para lembrar a importancia e o papel decisivo que teñen estas entidades na sociedade. "As entidades que hoxe premiamos manteñen un compromiso constante no campo social e na protección dos colectivos máis vulnerables na provincia. Un logro que non sería posible sen o esforzo e implicación de milleiros de profesionais do eido sociosanitario que cada día traballan para ofrecer novas oportunidades e mellorar a vida de persoas en situacións especialmente vulnerables e das súas familias", destacou.
O presidente provincial agradeceu o traballo diario de todas as persoas que traballan nestas entidades, "que permite a moitas persoas o seu desenvolvemento persoal, a igualdade de oportunidades, e a mellora da calidade de vida de moitas familias a través de diferentes proxectos e servizos nos que é un orgullo poder colaborar desde a Deputación da Coruña", indicou.
O maior investimento social da historia da Deputación
"Nunha época moi complexa no eido económico, derivado dunha pandemia global e cunha guerra en Europa, aprobamos o maior investimento da historia da Deputación no eido social, cunha suba no gasto social dun 137% para estar ao carón das persoas que máis o necesitan", afirmou Valentín González Formoso, que detallou que parte importante deses recursos se destinan a apoiar programas como os galardoados esta noite.
O presidente pechou a súa intervención pedindo o compromiso de todas as administracións para facer de Galicia "un lugar que non deixe atrás a ninguén, máis solidaria, e sen exclusións sociais porque esa Galicia será un fogar para nós e para os nosos máis xusta e igual".
"Nós manteremos o noso compromiso para facer de Galicia un lugar que coide a todas as persoas que estean nunha situación de vulnerabilidade, excluídas, con algunha discapacidade ou que precisen da nosa axuda por ter unha idade avanzada", apuntou.
Pola súa banda, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, destacou que os premios naceron o ano pasado "coa idea de agradecer, visibilizar e pór en valor ante a sociedade o gran traballo que realizades as entidades sociais en cada recuncho desta provincia" e agradeceu tamén o labor fundamental "das persoas que cada día traballan nelas para mellorar a vida de miles de persoas".
A deputada tivo tamén un recoñecemento para as e os profesionais da área social da Deputación e dos concellos da provincia. "O noso obxectivo na Deputación foi tecer unha rede o suficientemente forte para non deixar a ninguén atrás. Por iso traballamos man a man cos concellos, prestando especial atención aos máis pequenos, para que teñan os medios e o persoal necesario e con máis de duascentas entidades sociais que teñen un papel fundamental nesta rede de protección social".
A acción social da Deputación
O importante esforzo da Deputación no eido social permitiu no último ano apoiar a actividade de 220 entidades sociais da provincia a través das liñas de subvencións de Benestar Social, contratar a preto de 200 profesionais dos servizos sociais nos concellos coruñeses, reforzar o apoio á Rede de Casas de Acollida para mulleres que sofren a lacra da violencia de xénero, financiar preto de 400.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar para atender aos maiores e dependentes, destinar 21 millóns de euros para cubrir os gastos sociais básicos dos concellos a través do Plan Único, ou incrementar o servizo de Telasistencia, unha ferramenta esencial para case 3.000 persoas maiores que viven soas e para as súas familias.