As axudas PEL 2023 da Deputación da Coruña rexistran máis de 3.000 solicitudes
A Deputación da Coruña inviste 11 millóns de euros para fomentar as novas contratacións, contribuír á modernización do tecido empresarial e prestar o apoio ás persoas autónomas
As axudas para autónomos foron as máis solicitadas, seguidas das de investimento e contratación
Un total de 3.032 empresas e persoas autónomas da provincia da Coruña presentaron este ano as súas solicitudes para optar ás axudas PEL 2023 da Deputación da Coruña. O prazo de recepción de solicitudes rematou hoxe, 10 de marzo, ás 14.00 horas.
A Deputación da Coruña distribuirá entre as catro as liñas preto de 11 millóns de euros, destinados a fomentar as novas contratacións, contribuír á modernización do tecido empresarial e prestar o apoio ás persoas autónomas.
A meirande parte das solicitudes dirixíronse á liña PEL-Autónom@s, consolidándoa como a liña máis demandada, cun total de 1.216 solicitudes. A través desta liña a Deputación da Coruña recoñece o importante papel que xogan os autónomos no tecido económico provincial, sustento da economía local.
Nesta axuda, destinada ás persoas autónomas da provincia con menos de 5 anos de antigüidade na actividade empresarial e con domicilio fiscal en concellos de menos de 20.000 habitantes, as persoas autónomas optan a unha subvención de ata 2.400 € para sufragar ata un ano de cotas á Seguridade Social que xa non estean suxeitas a ningunha bonificación, nin redución.
A axuda de PEL-Emprende investimento, con 953 solicitudes recibidas, mantense como a segunda liña que máis instancias recibe, presentándose nesta anualidade unha cifra similar á da anualidade anterior.
As axudas á contratación de PEL-Pemes recibiron un total de 863 solicitudes entre as dúas liñas de subvención, 615 delas novas solicitudes e 248 para sufragar un segundo ano das contratación subvencionadas en 2022.
As bases reguladoras das axudas, publicadas no BOP núm. 19 do 27 de xaneiro, establecen que o procedemento de concesión é o réxime de concorrencia competitiva e que, polo tanto, de non acadar o crédito dispoñible para conceder todas as solicitudes presentadas nomearase unha Comisión de Valoración para a súa avaliación. A Comisión valorará e puntuará as solicitudes presentadas en cada liña conforme a criterios de obxectividade, igualdade e non discriminación dentro das dispoñibilidades orzamentarias e perseguindo a maior repercusión posible das axudas no ámbito territorial, en función dos criterios de valoración comúns e dos establecidos en cada unha das liñas no apartado valoración de solicitudes.
Todas as liñas incrementan o seu crédito
Proba da boa acollida coa que contan as axudas do PEL, que ano tras ano increméntase a cifra total de solicitudes recibidas, decidiuse suplementar o crédito inicial de todas as liñas PEL, pasando dun crédito inicial de 7.654.000 euros a 10.864.406,87 euros, o que supón un incremento dun 42%.
O PEL é unha aposta transversal do Goberno da Deputación ao que se destinaron 106 millóns de euros desde a súa posta en marcha, en 2016. Grazas a este investimento sen precedentes na área de emprego, nos case 7 anos transcorridos desde a creación do PEL, a Deputación axudou a crear 5.376 empregos, apoiou a 2.062 persoas emprendedoras e novas empresas a investir nos seus negocios, 1.130 persoas autónomas recibiron axudas para financiar as cotas á Seguridade Social e creou unha rede de provincial de espazos de coworking que xa conta con 11 centros en funcionamento.
Un ano máis o PEL permitirá seguir creando emprego nun contexto económico adverso, con axudas que poden alcanzar os 45.900 euros para persoas autónomas de concellos de menos de 20.000 habitantes, xa que todas as axudas PEL2023 son compatibles entre si.
Pode atopar máis información sobre o Plan de Emprego Local na súa páxina web: pel.gal