Estás en:Emprego Novas

A Deputación reúne no Pazo de Arenaza a persoas emprendedoras do ámbito tecnolóxico con motivo da Startup Europe Week

O xoves 16 terá lugar o evento "Coworking Startup Café", que reunirá a emprendedores e emprendedoras da provincia con proxectos innovadores e/ou de base tecnolóxica

O evento será inaugurado por José Ramón Rioboo, deputado provincial da área de emprego

Os participantes terán ocasión de compartir un café de networking con emprendedores de éxito, impulsores de proxectos empresariais como Link Affinity, EMSAMBLE, Nocodehackers e AcercArte

A Deputación reúne no Pazo  de Arenaza a persoas emprendedoras do ámbito tecnolóxico con motivo da Startup Europe Week

A Deputación da Coruña organiza por cuarta vez unha xornada dedicada aos emprendedores e emprendedoras con motivo da Startup Europe Week. O "Coworking Startup Café" congregará a 25 persoas no coworking do Pazo de Arenaza (Oleiros) o vindeiro xoves 16 de marzo a partir das 9.30h.

Este ano ao formato presencial engádese a retransmisión en liña, debido a grande afluencia de inscricións nas pasadas edicións. Así, as persoas interesadas en acudir de xeito presencial poderán inscribirse a través da web: https://startupeuropeweek.eu/events/assistant/assist/145 , mentres que as que estean interesadas en seguilo en streaming, poderán facelo a través da canle de Youtube do Pazo de Arenaza.

O evento enmárcase na Startup Europe Week (#SEW23), un acontecemento impulsado pola Comisión Europea para fortalecer o ecosistema emprendedor no ámbito local no que a Deputación participa por cuarta vez. A SEW está presente en máis de 300 cidades e 50 países, con máis de 250 organizadores que representan o maior evento de emprendedores rexional do mundo. Durante as edicións pasadas máis de 200.000 emprendedores atenderon os eventos organizados.

Ao comezo da xornada, José Ramón Rioboo, deputado da área de emprego realizará a apertura institucional que precederá a conferencia de Kristina Esknazi, presidenta do Health & Life Sciences Cluster Bulgaria e fundadora do Cluster de intelixencia artificial de Bulgaria e do Doutor Antonio Hyder, investigador na Universidade de Stanford e director de investigación científica en Hackers & Founders (Palo Alto, EE.UU.).

Nesta edición a Deputación decidiu orientar o acto á posta en valor das iniciativas empresariais provincias innovadoras e tecnolóxicas, como son Link Affinity, EMSAMBLE, Nocodehackers e AcercArte. Nun formato innovador de "world café", os participantes terán ocasión de falar e compartir café cos impulsores destes proxectos empresariais: Sico de Andrés, creador e CEO de Link Affinity; Eva Cayetana Somolinos Olmo, CEO e co-fundadora de AcercArte, Sergio Sampedro Herranz, director e socio fundador de EMSAMBLE e Alex Bernardo, fundador de Nocodehackers.

A inscrición no evento é gratuíta e permanece aberta na web da Startup Europe Week: https://startupeuropeweek.eu/events/145

Programa:

9.30h Recepción de participantes

10.00h* Apertura institucional a cargo de José Ramón Rioboo, deputado da área de emprego da Deputación da Coruña, e Presentación da Startup Europe Week e da Rede Provincial de Espazos de Traballo a cargo de Juan Diego Pereiro Areán, xestor da asistencia técnica do espazo de coworking do Pazo de Arenaza, fundador do espazo de coworking WeKCo e a plataforma WeKAb.com

10.10h* Conferencia introdutoria a cargo de Kristina Esknazi ,presidenta do Health & Life Sciences Cluster Bulgaria e fundadora do AI Cluster Bulgaria e Antonio Hyder, Director Científico de Hackers & Founders

10.30h* Presentación de iniciativas empresariais innovadoras e tecnolóxicas postas en marcha na provincia:
• Sico de Andrés, creador e CEO de Link Affinity
• Eva Cayetana Somolinos Olmo, CEO e co-fundadora de AcercArte
• Sergio Sampedro Herranz, director e socio fundador de EMSAMBLE
• Alex Bernardo, fundador de Nocodehackers

11.30h World café con emprendedores de éxito da provincia

12.50h Mesa de conclusións do World Café

13.00h* Presentación "Como construír unha Startup sen ser programador" por Alex Bernardo, de Nocodehackers.

13.30h Peche do evento

(*) retransmisión en liña a través da canle de Youtube do coworking do Pazo de Arenaza

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X