O coworking do Pazo de Arenaza acolle as actividades da Startup Europe Week
Rioboo destacou o grande potencial emprendedor da provincia e o seu compromiso de continuar apoiando, a través do Plan de Emprego Local, a creación de empresas e a xeración de emprego
A Deputación da Coruña organizou esta mañá o evento "Coworking Startup Café", que reuniu presencialmente a preto de 30 emprendedores e emprendedoras da provincia, mentres que outros tantos seguiron o evento en streaming, para amosarlles os diferentes recursos que a institución provincial pon á súa disposición e fomentar os contactos e a creación de sinerxías.
O evento enmárcase na Startup Europe Week (#SEW23), un acontecemento impulsado pola Comisión Europea para fortalecer o ecosistema emprendedor no ámbito local. A Deputación decidiu orientar o acto a iniciativas innovadoras e de base tecnolóxica da provincia de diferentes sectores.
O deputado da área de emprego, José Ramón Rioboo, inaugurou a xornada agradecendo a participación de todas as persoas que a fixeron posible, desde asistentes e relatores ata o equipo técnico, e destacou o grande potencial emprendedor da provincia da Coruña e o seu compromiso de continuar apoiando, a través do Plan de Emprego Local (PEL), a creación de empresas e a xeración de emprego.
Tras este discurso institucional, tivo lugar a conferencia de Kristina Esknazi, presidenta do Health & Life Sciences Cluster Bulgaria e fundadora do Cluster de intelixencia artificial de Bulgaria e do Doutor Antonio Hyder, investigador na Universidade de Stanford e director de investigación científica en Hackers & Founders (Palo Alto, EE.UU.).
Ás conferencias e discursos seguiulle a parte máis novidosa do evento: o world café, durante o que as persoas participantes tiveron ocasión de compartir as súas inquedanzas e experiencias con 4 persoas emprendedoras de éxito da provincia, os impulsores das empresas Link Affinity, EMSAMBLE, NoCodeHackers e AcercArte.
Exemplos de iniciativas empresariais innovadoras impulsadas desde a provincia
A Deputación convidou a catro persoas empresarias da provincia para que presentasen as súas iniciativas empresariais e contasen a súa experiencia creando os seus negocios na provincia, ofrecendo consellos e recomendacións aos participantes neste evento da Startup Europe Week:
- Sico de Andrés, creador e CEO de Link Affinity; ferramenta de relacións públicas que utiliza a intelixencia artificial para realizar estratexias de comunicación máis eficientes
- Eva Cayetana Somolinos Olmo, compositora sinestésica e CEO e co-fundadora de AcercArte, empresa que ofrece unha nova experiencia multisensorial con dúas versións: unha física e outra en realidade virtual, enfocadas aos eidos social, educativo e terapéutico, baseadas na unión da música e a pintura a través da sinestesia.
- Sergio Sampedro Herranz, director e socio fundador de EMSAMBLE, estudo de arquitectura modular intelixente
- Álex Bernardo, fundador de NoCodeHackers, que ofreceformacións para aprender a crear sen programar
De feito, para concluír, este último realizou una presentación sobre "Como construír unha startup sen ser programador".
Tras a clausura todas as persoas emprendedoras e empresarias presentes tiveron ocasión de realizar networking e intercambiar opinións nos xardíns do coworking do Pazo de Arenaza.