Estás en:Emprego Novas

A Deputación reitera á Xunta de Galicia necesidade de que aumente o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar para aliviar a economía dos concellos

O goberno do PP reduciu os fondos para estas partidas, a pesares do aumento das achegas do Estado en 13,9 millóns de euros

O Pleno insta tamén á Xunta a mellorar os recursos humanos e materiais para axudar a reducir as listas de agarda e a que exerza de mediador para favorecer un acordo no convenio colectivo

A Deputación reitera á Xunta de Galicia necesidade de que aumente o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar para aliviar a economía dos concellos

A Deputación da Coruña reiterou hoxe en pleno á Xunta de Galicia a necesidade de que aumente o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Ademais, solicitou que actúe para reducir as listas de agarda e actúe como mediadora para alcanzar un convenio colectivo.

A moción, presentada polos grupos de PSdeG-PSOE e BNG e non contou co apoio do Grupo Popular, volve a incidir nunha demanda que xa foi aprobada pola Corporación da Deputación Provincial en febreiro do ano 2021. Daquela, solicitóuselle á Xunta de Galicia que incrementase o financiamento do SAF, un servizo de competencia autonómica pero que é xestionado polos concellos.

Dous anos despois, ante o inmobilismo do goberno popular da Xunta, a Deputación reiterou a necesidade de incrementar os fondos ante os altos prezos da prestación do servizo que están a ter que soportar os concellos.

"Nos últimos anos o incremento do IPC e a implantación das medidas de mellora das condicións laborais das persoas traballadoras do sector, teñen provocado o aumento máis que considerable do custe da presentación deste servizo", explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Para Formoso, o grande problema desta circunstancia é que o Goberno Autonómico do PP non ten feito "achega algunha tendente a paliar estes elevados custes que están a soportar os concellos".

A pesares de que o Goberno de España aumentou no 2023 as achegas para o servizo en 13,9 millóns de euros, tal e como se reflicte nos propios orzamentos da Xunta, o executivo presidido por Alfonso Rueda reduciu os fondos en 3 millóns: de 50,3 a 47,4.

Polo tanto, a Deputación da Coruña volveu insistir na necesidade de que a Xunta aumente o financiamento do SAF para que os concellos poidan desenvolver correctamente este servizo ante o incremento dos custos. Así mesmo, incidiu en que debe dotar dos medios e recursos humanos e materiais aos equipos de valoración de dependencia para reducir as listas de agarda. Por último, solicitou ao executivo autonómico que exerza as súas funcións como mediadora nas negociacións para tratar de se chegue a un acordo do convenio colectivo do sector.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X