Estás en:Emprego Novas

Os Embaixadorxs Destino Europa de EUROPE DIRECT A Coruña inician a campaña en liña de difusión de iniciativas europeas entre a mocidade

A campaña estenderase durante tres semanas e poderá seguirse en Instagram baixo o cancelo #Embajadorxs2023

As persoas participantes recibirán un bono interrail para viaxar por Europa durante un mes

Os Embaixadorxs Destino Europa de EUROPE DIRECT A Coruña inician a campaña en liña de difusión de iniciativas europeas entre a mocidade

Dez mozos e mozas da provincia da Coruña serán durante as vindeiras tres semanas Embaixadorxs Destino Europa e axudarán difundir as iniciativas da Unión Europea para a mocidade a través das súas redes sociais.
Esta campaña de EUROPE DIRECT A Coruña comeza o 11 de abril e poderá seguirse a través da rede social Instagram baixo o cancelo #Embajadorxs2023 ata o día 30 deste mes. Durante este tempo, dez mozos e mozas da provincia de entre 18 e 25 anos compartirán entre os seus seguidores información de programas como o Erasmus Plus, o Erasmus for Young Entrepreneurs, o Corpo Europeo de Solidariedade, as iniciativas EU Youth Dialogue e o European Youth Event, a Garantía Xuvenil, a rede EURES, o concurso DiscoverEU e o Interreg Volunteer Youth.
O grupo de embaixadores participará en dúas reunións en liña preparatorias nas que se lles proporcionará información precisa para desenvolver o seu papel. A primeira terá lugar este luns 10 de abril e nela terán a oportunidade de coñecerse e recibir apoio e formación para levar a cabo a campaña. No segundo encontro, que se celebra o martes 11, terán a oportunidade de conversar co responsable de Comunicación da Representación da Comisión Europea en España e con outros mozos e mozas que tamén serán embaixadores polos centros EUROPE DIRECT de Ciudad Real e Asturias, que colaboran con EUROPE DIRECT A Coruña para darlle unha dimensión estatal á iniciativa.
Unha vez realizado o seu labor de embaixadorxs, os e as participantes serán premiados cun bono Interrail Global Pass, que lles permitirá viaxar por Europa durante un mes cun número total de sete días de transporte en ferrocarril.
EUROPE DIRECT organiza esta actividade dentro da programación do ClubUE, un espazo virtual pensado para achegar a mozos e mozas as oportunidades que existen dentro da UE. O obxectivo da proposta é implicar a mocidade da provincia para que se active como cidadanía europea e tamén achegar información sobre as oportunidades da UE á xente moza.
Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

Hai tamén máis información dispoñible na seguinte páxina web: https://pel.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2023/embaixadorxs-destino-europa/

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X