Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña e CEGASAL levan á Pobra unha exposición fotográfica sobre a inclusión laboral das persoas con discapacidade

A mostra percorre distintos municipios da provincia co apoio da Deputación

Lamas destaca a importancia de apostar pola integración no mercado laboral das persoas con diversidade funcional e destaca as máis de 2.100 persoas contratadas por CEGASAL nos seus centro especiais de emprego

A Deputación da Coruña e CEGASAL levan á Pobra unha exposición fotográfica sobre a inclusión laboral das persoas con discapacidade

A Deputación da Coruña e CEGASAL (Asociación de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro), coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal, inauguraron hoxe na Casa da Cultura da localidade unha mostra fotográfica itinerante que visibiliza a realidade laboral das persoas con discapacidade.

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e o vicepresidente da entidade, Mino Martínez, e a presidenta de Ambar, Milagros Rey, inauguraron hoxe a mostra, obra do fotógrafo coruñés Diego Silva, que percorreu ao longo de dous anos e medio os centros especiais de emprego da entidade para plasmar coa súa cámara a actividade diaria destes profesionais.

No acto, Lamas destacou "a capacidade de CEGASAL de incorporar ao mundo laboral a tantas persoas, durante tantos anos e en distintos sectores. A día de hoxe, ten a máis de 2.100 persoas contratadas nos seus centros especiais de emprego.É importante dar visibilidade a este traballo", afirmou a deputada.

O vicepresidente de CEGASAL quixo dar as grazas á iniciativa da Deputación da Coruña para levar esta mostra a distintos concellos da provincia e chegar ao público a realidades das persoas con discapacidade.

Un altofalante formado por 24 imaxes

A mostra fotográfica de Diego Silva está formada por 24 imaxes, más de 24.000 palabras, para sacar do silencio a capacidade laboral das persoas con discapacidade.

A exposición é unha iniciativa máis dentro da filosofía de CEGASAL, apoiada pola Deputación da Coruña, de fomentar o traballo de calidade para as persoas con discapacidade e en situación de risco de exclusión social. As traballadoras e traballadores que protagonizan esta mostra son o exemplo claro de que é posible promover unha cultura empresarial inclusiva, que entenda a diversidade como un activo xerador de valor social e económico.

Cumprindo vinte e cinco con moi bos resultados

CEGASAL cumpriu no ano 2022 os 25 anos da súa creación e conseguiu que o 96% dos traballadores dos 32 centros especiais de emprego que representan sexan persoas con discapacidade. O obxectivo que se marcan para os próximos anos é o de aumentar a taxa de creación de emprego un 20%, é dicir, xerar 400 postos de traballo máis.

Na actualidade, os centros especiais de CEGASAL, no seu conxunto, facturan máis de 44 millóns de euros e dan emprego ao redor de 2.100 persoas con discapacidade.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X