Colaboración entre a ETS de Arquitectura e o coworking do Pazo de Arenaza
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron o convenio para regular a colaboración da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e o espazo Coworking do Pazo de Arenaza para o desenvolvemento de actividades de fomento do emprendemento, enmarcado no do Programa de Emprendemento Local (PEL).
Co establecemento das bases de colaboración entre as dúas institucións materializarase a reserva e acceso preferente a catro módulos de traballo do coworking para estudantes do máster habilitante de Arquitectura e estudantes recentemente graduados da ETSAC que desexen comezar un proxecto empresarial e sexan previamente seleccionados por unha Comisión conformada por persoal da ETSAC e do equipo xestor do coworking do Pazo de Arenaza.
Do mesmo xeito, a ETSAC realizará labores de difusión do apoio aos proxectos de emprendemento do coworking e as condicións de uso e acceso entre as persoas matriculadas nos diferentes graos e máster impartidos na Escola.
Por último, tanto o coworking como a Escola coorganizarán catro eventos anuais enfocados ao emprendemento e a dar acceso a fabricantes, tecnoloxías e ferramentas destinadas a proxectos de emprendemento no sector.
O convenio terá a duración dun ano, e poderá ser obxecto de prórrogas anuais ata acadar un máximo de catro anos.