Estás en:Emprego Novas

A Deputación adxudica por 156.748 euros as obras de reparación das estradas de Trazo afectadas polas obras da ponte do rego Gatofero

Actuarase na vía que vai de Ponte Albar a Chaián, ao longo de 2,4 km, e na que conecta o cruzamento de Chaián coa ponte sobre o Río Tambre, nun tramo de 1,3 km

A Deputación adxudica por 156.748 euros  as obras de reparación das estradas de Trazo afectadas polas obras da ponte do rego Gatofero

A Deputación da Coruña adxudicou por 156.748,16 euros as obras de reparación das estradas municipais afectadas polos desvíos de tráfico durante as obras DP-7804 para construír a ponte sobre o rego Gatofero.

As actuacións levaranse a cabo en dous tramos. O primeiro deles vai de Ponte Albar a Chaián (2,4 quilómetros), un itinerario no que se repararán fochancas e afundimentos ocasionados polo incremento do volume de tráfico neste vial. Tamén se realizará un dobre tratamento superficial en toda a plataforma. Así mesmo, repararase a canalización danada, un tramo de beiravía e, para completar a actuación, instalarase sinalización horizontal e vertical.

Por outra banda, realizaranse tarefas de acondicionamento da vía que conecta o cruzamento de Chaián coa ponte sobre o Río Tambre, ao longo de 1,3 quilómetros. A plataforma, que contaba cun pavimento de mestura bituminosa en quente, será obxecto das tarefas de reparación co fresado e reposición das zonas deterioradas, estendendo finalmente un microaglomerado en frío en todo o seu ancho. Tamén se arranxarán os sumidoiros afundidos polo paso de vehículos pesados sobre eles e o tramo de canalización afectado. Por último, refaranse un pozo e un sumidoiro e instalarase nova sinalización.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X