Estás en:Emprego Novas

EUROPE DIRECT A Coruña inicia unha campaña de sensibilización contra a desinformación e de impulso da alfabetización dixital dirixida á mocidade

O centro difundirá dende a súa conta de Instagram información, ferramentas e recursos para incidir na relevancia das competencias que permiten o acceso e a compresión crítica das noticias a través de medios dixitais

A acción está en liña cos obxectivos da Comisión Europea que considera esta habilidade como fundamental para a participación na vida democrática e a toma de decisións informadas

EUROPE DIRECT A Coruña inicia unha campaña de sensibilización contra a desinformación e de impulso da alfabetización dixital dirixida á mocidade

EUROPE DIRECT A Coruña inicia unha campaña de sensibilización para a loita contra a desinformación e o impulso da alfabetización mediática que está dirixida á mocidade. Durante dúas semanas, o centro difundirá a través do seu perfil de Instagram -— enfocado a xente nova de ata 30 anos— información, ferramentas e recursos co obxectivo de trasladar a relevancia da alfabetización mediática como unha habilidade fundamental para a participación na vida democrática e a toma de decisións informadas na era dixital.

En liña cos obxectivos da Comisión Europea, que considera esta competencia como fundamental para o futuro dixital de Europa, a campaña incidirá tamén nas habilidades para detectar a desinformación e difusión de noticias falsas a través de medios dixitais.

A través de seis publicacións, EUROPE DIRECT A Coruña trasladará a relevancia de acceder, comprender, crear e avaliar informacións de maneira crítica e dará recursos informativos e lúdicos e ferramentas da Unión Europea para a loita contra a desinformación, tanto para público xeral como para profesorado.

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X