Estás en:Emprego Novas

O coworking de Miño incorpórase á Rede da Deputación da Coruña

É o duodécimo centro da Rede de Centros de Traballo colaborativo que a Deputación ten na provincia

O coworking de Miño incorpórase á Rede da Deputación da Coruña

O presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde do Concello de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, asinaron hoxe un convenio para cofinanciar os gastos de funcionamento do coworking da Casa do Pescador da localidade e integralo na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación, que con este suma xa doce coworking en toda a provincia.

O orzamento do proxecto elévase ata os 50.094 euros, dos que a entidade provincial achega 40.075 euros, que supón o 80% do total.

O financiamento deste convenio sufragará gastos indirectos como a subministración de enerxía, internet, limpeza e mantemento; e tamén outros de carácter directo como o deseño da imaxe corporativa, a difusión nos medios, o programa de formación e a impartición das charlas. Súmanse, ademais, a xerencia e dinamización do espazo e das actividades e, por último, a captación e selección de persoas usuarias.

A través deste acordo, poténciase o xurdimento de iniciativas empresariais e posibilítase a consolidación dunha rede de traballo colaborativo no territorio. Deste xeito, créase unha nova oportunidade para dinamizar a actividade empresarial e fortalecer o tecido produtivo a nivel local, xa que se habilita un espazo creado especificamente para fomentar o emprendemento e promover a cualificación de empresarios e traballadores.

Formoso destacou que o centro formará parte "dunha rede en crecemento, que conta xa con 12 centros e permitiu a 200 emprendedores e emprendedoras da provincia desenvolver os seus proxectos empresariais, fomentando o emprego no rural"

Manuel Vázquez Faraldo, explica que "para nós é unha gran nova, desde o primeiro momento ideamos o coworking da Casa do Pescador para que puidese formar parte da rede provincial xa que cremos que a axuda e a experiencia da Deputación da Coruña vai ser esencial para cumprir os obxectivos que nos marcamos con este novo equipamento, que é que contribúa a mellorar o emprego, crear empresas e a dar apoio ás persoas emprendedoras".

Persoas beneficiarias

Este espazo de coworking está pensado para darlles aos profesionais un lugar colectivo no que traballar e no que conten con acceso a internet e outros servizos de asesoramento. Facilítase a conciliación e o traballo en común, supoñendo unha oportunidade para o impulso económico do municipio.

Oleiros, Boiro, Brión, Carballo, Ames, Moeche, A Capela, Vedra, As Pontes, A Pobra e Santiago contan con centros de coworking da Deputación, aos que agora se suma Miño.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X