A Deputación da Coruña e a Fundación Paideia Galiza alíanse para potenciar o emprego e o emprendemento da mocidade no ámbito do márketing dixital
O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a presidenta da Fundación Paideia, Sandra Ortega Mera, asinaron hoxe o convenio de colaboración
O proxecto permitirá a creación de dúas cooperativas en dous concellos da provincia promovidas por xente nova en situación de desemprego
A Deputación da Coruña aposta pola economía social, fomentando a través deste proxecto os modelos de traballo cooperativo
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a presidenta da Fundación Paideia, Sandra Ortega Mera, asinaron hoxe un convenio para o desenvolvemento do proxecto "Márketing dixital, empregabilidade e cooperativismo 2023", dirixido a mozas e mozos da provincia de entre 16 e 29 anos en situación de desemprego.
Este programa formativo e de impulso ao emprendemento desenvólvese no marco do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña e ten como obxectivos a formación e capacitación da mocidade no eido do márketing dixital, a titorización no proceso de creación e xestión dunha cooperativa e o apoio técnico e económico para a posta en marcha e o desenvolvemento de dúas cooperativas durante o seu primeiro ano de vida.
"O fin deste proxecto, que xa desenvolvemos con éxito nos últimos dous anos en colaboración con Paideia é formar á mocidade e ofrecerlles posibilidades de autoemprego e emprendemento nun sector con grandes oportunidades como o do márketing dixital, proporcionándolles formación práctica nos pasos a seguir para a creación dunha cooperativa e o apoio para dar os primeiros pasos no seu negocio", resumiu o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
Tras a realización dunha primeira fase formativa en dous concellos da provincia, organizada en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Local (DELOA) e coa Fundación EOI (Escola de Organización Industrial) dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, seleccionaranse a mellor proposta de cada concello para continuar cunha segunda fase do programa, que é a que se corresponde co obxecto do convenio hoxe asinado.
Estas dúas cooperativas do sector do márketing dixital, impulsadas por xente nova en dous concellos da provincia, contarán co asesoramento para a constitución da súa cooperativa, así como os gastos derivados do seu primeiro ano de funcionamento.
As dúas cooperativas contarán co apoio dun mentor/a -dinamizador/a e un apoio económico dun máximo de 60.000 euros por cooperativa, en función do número de integrantes desta, para financiar os gastos de constitución e posta en marcha do proxecto, os gastos de alugueiro ou mantemento da súa sede social, a adquisición de equipos e programas informáticos, salarios e custos sociais do persoal e gastos de xestoría por un período máximo de doce meses.
O orzamento deste proxecto ascende a 173.500 euros, dos que a Deputación da Coruña achega o 50% (86.750 euros) e a Fundación Paideia Galiza o 50% restante (86.750 euros).
Unha vez máis a Deputación presta o seu apoio á mocidade, prestándolles as ferramentas necesarias para que se formen nun campo con amplas perspectivas laborais como é o márketing dixital e sempre fomentando a economía social, impulsando a creación de novas cooperativas.
Pola súa banda, a Fundación Paideia Galiza segue a promover, con esta iniciativa, a busca de novos modelos que reforcen un maior equilibrio social, promovendo o traballo en rede e a colaboración con axentes sociais, públicos e privados.