Estás en:Emprego Novas

O coworking da Deputación na Capela impulsa xa oito proxectos emprendedores

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, destaca que os centros Rede Provincial de Coworking "son un claro exemplo da aposta da Deputación polo rural e polo talento da nosa mocidade"

A Deputación conta cunha Rede de 11 coworkings en toda a provincia nos que se ofrece soporte, titorización e apoio a máis de cen persoas emprendedoras

García visitou tamén a Oficina Next da Deputación na Capela, a primeira iniciativa de xestión de fondos europeos que desenvolve o seu labor nun municipio rural con 1.200 habitantes

O coworking da Deputación na Capela impulsa xa oito proxectos emprendedores

A deputada de Emprego e o alcalde da Capela, con parte dos emprendedores e emprendedoras que desenvolven os seus proxectos no centro

A deputada de Emprego, Industria, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García López, realizou unha visita ao coworking e á Oficina Next da Deputación no concello da Capela.

Acompañada do alcalde da Capela, Manuel Meizoso, e de persoal técnico do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, Rosa Ana García visitou as instalacións do coworking local, promovido pola Deputación da Coruña dentro da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, onde se interesou polos oito proxectos empresariais que unha decena de emprendedoras e emprendedores desenvolven actualmente no centro da Capela e que pertencen a sectores como o apoio técnico ao sector agrogandeiro e agroforestal, proxectos de desenvolvemento rural e coidado do patrimonio ou servizos e tecnoloxía relacionada co mundo rural, como traballos con dron e formación na pilotaxe destes aparellos.

García destacou que a Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña está conformada por once centros, entre eles o da Capela, nos que desenvolven o seu traballo máis dun centenar de coworkers en toda a provincia . "É unha aposta singular polo talento e capacidade da nosa xente moza, dos nosos emprendedores e emprendedoras, que poden contar nestes espazos da Deputación con todas as ferramentas, titorización especializada e apoio técnico para desenvolver e consolidar os seus proxectos de negocio".

"Centros coma este da Capela supoñen un claro exemplo da aposta da Deputación polo rural, xa que demostramos cada día que en pequenos municipios podemos axudar a implantar iniciativas emprendedoras ilusionantes, que axuden a loitar contra o baleiramento do rural xerando emprego, oportunidades e actividade", remarcou Rosa Ana García, que destacou a "solidez" das iniciativas implantadas no coworking.

O espazo de traballo colaborativo da Deputación na Capela sitúase no primeiro andar do antigo centro de saúde das Neves. O centro dispón dunha superficie de case 180 metros cadrados. Conta con tres despachos, unha sala de traballo con capacidade para 15 persoas, sala de xuntas e aparcadoiro público no exterior. A día de hoxe conta con dez persoas emprendedoras que están a desenvolver os seus proxectos e que reciben formación, orientación, titorización e soporte á hora de impulsar os seus negocios.

Actualmente o espazo conta con catro espazos dispoñibles, polo que as persoas interesadas poden solicitar a súa praza. Máis información en https://redecoworking.pel.gal/.

Next Deputación: apoio para captación de fondos europeos desde o rural

A deputada provincial de Emprego visitou tamén á Oficina Next, posta en marcha pola Deputación en marzo do ano pasado. Trátase da primeira oficina de xestión de Fondos Europeos creada por unha administración local en Galicia, que ademais desenvolve o seu labor desde un concello rural, con pouco máis de 1.000 habitantes

"A Oficina Next destínase á detección de oportunidades e á redacción e presentación de proxectos no marco das diferentes convocatorias dos fondos europeos de recuperación, aliñados cos eixos vertebradores do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). Un servizo pioneiro en Galicia que se presta dende un concello rural aos 93 concellos da provincia", explicou Rosa Ana García.

A Oficina presta apoio aos concellos a través dun equipo asesor para atender e resolver consultas sobre os Fondos de Recuperación, Transformación e Resiliencia, así como para asesorar no proceso de identificación, deseño, preparación e presentación de proxectos para as diferentes convocatorias.

O obxectivo é prestar un servizo integral que permita aproveitar as oportunidades de financiamento de actuacións provinciais a través dos Fondos de Recuperación.

O Goberno central reforzou esta estratexia iniciada pola Deputación de achegar as oportunidades que brindan os fondos europeos ás entidades locais, grazas ao encargo formalizado coa Sociedade Estatal Tecnoloxías e Servizos Agrarios, S.A., M.P., (TRAGSATEC) pertencente ao Grupo Tragsa, para a prestación do servizo de asistencia e dinamización da participación de Administracións Públicas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Con este encargo, o Goberno de España consolidou a Oficina Next da Capela, converténdoa no punto de referencia da execución e xestión do PRTR na provincia, debido en parte á excelente acollida que tivo por parte das entidades locais provinciais e aos bos resultados acadados.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X