Estás en:Emprego Novas

A Deputación instala as vigas da ponte da estrada de Caxadas e Baíñas, en Vimianzo

O servizo provincial de Vías e Obras prevé poder reabrir a estrada ao tráfico a finais mes de novembro

A Deputación instala as vigas da ponte da estrada de Caxadas e Baíñas, en Vimianzo

Continúan a bo ritmo as obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP-9203 de Caxadas e Baíñas, en Vimianzo. A actuación de ampliación e mellora da seguridade neste vial é unha das máis importantes en materia de infraestruturas dos últimos anos.

Os traballos, que contan cun orzamento de 1.335.000 euros, avanzan cumprindo os prazos previstos. Nestes últimos días procedeuse á execución dun dos puntos clave do proxecto: a colocación das vigas que soportarán o peso da ponte. Esta estrutura será renovada completamente e terá capacidade para desaugar, algo para o que non estaba preparada ata o momento. Ademais, tamén se procedeu á colocación das prelousas e iniciouse a armadura da lousa.

A Deputación prevé poder reabrir o paso ao tráfico a finais do vindeiro mes de novembro.

As obras na DP-9203 supoñen a construción dunha senda peonil de case dous quilómetros de lonxitude e a mellora do sinuoso trazado da estrada ao seu paso polo núcleo de Padreiro, que presentaba curvas perigosas e un alto índice de sinistralidade.

A alcaldesa de Vimianzo e deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, recalcou que se trata dunha das obras de seguridade viaria máis importantes nos últimos anos e que a Deputación trata de cumprir rigorosamente todos os prazos previstos para reducir ao máximo as molestias causadas á veciñanza durante a execución da obra. Rodríguez subliñou que esta actuación suporá un "antes e un despois" para a mellora da seguridade viaria no municipio.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X