Estás en:Emprego Novas

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, destaca a importancia do sector biotecnolóxico na súa visita ao Biopolo A Sionlla en Santiago

O Biopolo desenvolverase a través de dúas infraestruturas: un Edificio de Espazos Industriais e o Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas (CSIEB)

García destaca a intención da Deputación de apoiar o desenvolvemento dun proxecto estratéxico que contribuirá "a reter e atraer o talento a Santiago"

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, destaca a  importancia do sector biotecnolóxico na súa visita ao Biopolo A Sionlla en Santiago

A deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García, visitou esta mañá o polo biotecnolóxico da Sionlla acompañada de José Fernández Alborés, Presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, e o seu xerente, José Manuel Beceiro.

Durante a visita, a deputada tamén tivo a oportunidade de coñecer as actividades de SunRock Biopharma, unha das empresas xa instaladas no CSIEP, a través do seu xerente, Juan Buela Fernández, quen destacou a importancia de crear sinerxías dentro das propias empresas do sector. SunRock Biopharma é unha compañía de biotecnoloxía dedicada ao desenvolvemento de anticorpos para o tratamento de tumores altamente invasivos con necesidades urxentes de terapias oncolóxicas.

O Polo de Innovación en Biotecnoloxía, un proxecto de país, segundo o definen os seus impulsores, que está chamado a marcar un antes e un despois no desenvolvemento da industria autonómica, segue solicitando apoios para o seu desenvolvemento.

Rosa Ana García destacou o "carácter estratéxico do polo, situado na comarca de Santiago, onde a Universidade conta cun grao específico de formación universitaria en biotecnoloxía e se localizan tamén os centros de investigación Ciqus (Centros Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) e Citius (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes)" da USC.

"Resulta preciso e coherente levar todo ese coñecemento á industria, aproveitar o talento formado na cidade. Na Deputación da Coruña apostamos por reter o talento no territorio, proporcionando á mocidade oportunidades laborais adecuadas á súa formación e un proxecto de vida en Galicia. Ademais este proxecto non só reterá o talento, senón que tamén contribuirá á súa atracción, contribuíndo a que persoas doutros puntos, tanto de España como de Europa, desenvolvan na Sionlla os seus proxectos innovadores", destacou Rosa Ana García.

Santiago e a súa área de influencia gañan cada vez máis peso na biotecnoloxía, unha actividade cun ritmo de crecemento do 10% anual, o que indica un gran potencial de futuro. A cidade e a súa contorna aglutinan a medio centenar de empresas, que facturan 65 millóns e dan traballo a unhas 350 persoas. As compañías compostelás destacan en diferentes subsectores como a alimentación funcional e nutracéutica para a saúde e o envellecemento activo; as novas tecnoloxías para a medicina personalizada; a produción de fármacos e vacinas; a xestión e aproveitamento dos recursos mariños; o medio ambiente, a economía circular ou a produción e aproveitamento agropecuario e forestal.

O Polo de Innovación en Biotecnoloxía

O Polo biotecnolóxico de Galicia desenvolverase a través de dúas infraestruturas diferenciadas nos seus usos, pero totalmente complementarias nos seus obxectivos.

A primeira delas, un Edificio de Espazos Industriais, formado por naves de carácter industrial de aproximadamente 500 m2 para empresas en fase de consolidación, completamente adaptadas aos seus requirimentos técnicos, loxísticos e de seguridade, sendo promovida pola iniciativa privada, onde as propias empresas a través dunha cooperativa ou unha unión temporal de empresas serán as responsables da súa construción e comercialización.

A segunda destas infraestruturas corresponderase coa construción do Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas (CSIEB), que ofrecerá e proverá de servizos especializados a empresas do sector e que contará con laboratorios, equipamento e instalacións para o seu uso temporal e tarifado a prezos de mercado, así como a prestación doutra tipoloxía de servizos asociados á dixitalización do sector biotech galego.

O proxecto deste Centro ten a súa orixe no Acordo da Sionlla do que forman parte a Xunta de Galicia, a través das consellerías de Economía, Empresa e Innovación e a de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o Concello de Santiago de Compostela, a Universidade de Santiago de Compostela, a COCIN de Santiago da Asociación Área Empresarial do Tambre.

Rosa Ana García avanzou que a Deputación contribuirá economicamente a dotar de equipamento e promover a actividade do CSIEB, facilitándolle equipamento para a mellora da eficiencia enerxética, para as salas de uso común, para a mellora das telecomunicacións, como os accesos dixitais dos laboratorios e a adquisición de equipamento para laboratorios. En canto ás actividades, o organismo provincial posibilitará a promoción do Centro e a implantación de empresas biotecnolóxicas.

As novidades ao respecto, afirmou a deputada, serán anunciadas con detalle polo presidente Valentín González Formoso tras a presentación dos Orzamentos 2024.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X