Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña licita por 262.499 euros as obras de mellora da seguridade vial en San Xián de Sales (Vedra)

Inclúen a instalación de bandas transversais de alerta para reducir a velocidade dos vehículos e o reforzo da sinalización

En San Xián construirase un tramo de senda peonil e habilitaranse novas zonas de aparcamento

A Deputación da Coruña licita por 262.499 euros as obras de mellora da seguridade vial en San Xián de Sales (Vedra)

A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación das obras de mellora das estradas provinciais DP 1202 e DP 8203, no lugar de San Xián de Sales, no termo municipal de Vedra. As obras teñen un orzamento de 262.499 euros.

Os traballos consistirán no reforzo da sinalización tanto horizontal coma vertical en tres tramos perigosos, dous da DP 8203 entre os puntos quilométricos 0 e 0+890 e 6+100 e 6+680 e na DP 1202 entre os PK 1+000 e 1+900, incluíndo bandas transversais de alerta, sinais de perigo pola presenza de peóns e de velocidade máxima de circulación.

Na zona de San Xián de Sales, a Deputación construirá un tramo de senda peonil na marxe esquerda da calzada que garanta a seguridade dos viandantes que circulen pola zona, así como zonas de aparcamento de vehículos en liña.

Segundo explicou a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, todas estas actuacións van encamiñadas a incrementar a seguridade tanto do tráfico rodado coma dos peóns.

A deputada sinalou que estas obras non precisarán de expropiacións, xa que se dispón dos terreos necesarios debido á expropiación realizada cando se ampliou a estrada e destacou que o prazo de execución das obras será de cinco meses.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X