Estás en:Emprego Novas

Mar García destaca o compromiso da Deputación coa inclusión laboral das persoas en situacións vulnerables

A deputada de Política Social participou na xornada que EAPN organizou  na Cidade da Cultura para presentar o balance do Programa Integrado para o Fomento da Empregabilidade de Persoas Vulnerables e o Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral

Mar García destaca o compromiso da Deputación coa inclusión laboral das persoas en situacións vulnerables

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, participou esta mañá no simposio "A inclusión sociolaboral das persoas vulnerabilizadas organizado por EAPN Galicia, no auditorio da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

Na súa intervención, a deputada subliñou "o compromiso decidido da Deputación da Coruña á hora de loitar contra a pobreza e na promoción da inclusión social" e citou distintas iniciativas da Deputación, tanto no eido social coma do emprego, contribúen a esta cuestión. Programas coma o PEL Concellos supuxeron unha oportunidade laboral para máis de 3.000 persoas con especiais dificultades para conseguir un emprego, mentres que a acción social da Deputación chega a 273 entidades da provincia apoiando a colectivos especialmente vulnerables.

"Esta semana, vimos de dar un paso significativo ao aprobar un orzamento que asigna un investimento de máis de 24 millóns de euros na área social. Este investimento non só é unha cifra; é un compromiso tanxible coas persoas que máis o necesitan na nosa provincia e na nosa sociedade" engadiu a responsable da área de Política Social.

Este evento tiña o dobre obxectivo de presentar o balance do Programa Integrado para o Fomento da Empregabilidade de Persoas Vulnerables e o Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral.

No programa participaron un total de 14 entidades do Terceiro Sector de Acción Social de Galicia, traballando en rede para acadar a inclusión sociolaboral desde un enfoque integral, individualizado e centrado en cada persoa.

O programa contou coa presentación do Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral de persoas e tres mesas de debate; unha sobre a inclusión sociolaboral en primeira persoa, outra sobre as entidades do terceiro sector traballando en rede coas empresas e a última, sobre o traballo en rede pola inclusión sociolaboral. Ao remate expuxéronse as conclusións finais.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X