Estás en:Emprego Novas

A Deputación inicia as obras de construción das novas beirarrúas de San Xoán de Vilanova, en Miño

As obras supoñen un investimento de 758.132 euros e prevese que estean completadas no verán de 2024

A Deputación inicia as obras de construción das novas beirarrúas de San Xoán de Vilanova, en Miño

A Deputación da Coruña acaba de comezar as obras de mellora da seguridade peonil na estrada provincial DP- 4802 ao seu paso polo núcleo de San Xoán de Vilanova, no termo municipal de Miño.

O portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez e o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo supervisaron hoxe os primeiros traballos dunha obra que abarca un tramo de un quilómetro e supón un investimento de 758.132 euros.

Segundo explicou Bernardo Fernández, as obras supoñen a demolición das beirarrúas actuais de baldosa hidráulica, "moi deterioradas polo paso do tempo e con importantes eivas en canto a seguridade e accesibilidade" e a execución de "novas beirarrúas sen bordo, a nivel da calzada e separada desta mediante un caz de formigón, na liña de sendas que executa a Deputación nas estradas provinciais e coas que se logra unha mellor accesibilidade e integración no medio".

A deputada de Vías e Obras destacou que a Deputación leva construído máis de 60 quilómetros de sendas peonís nas estradas provinciais nos últimos anos e destacou que o proxecto "suporá unha importante mellora para a seguridade dos peóns nunha estrada que rexistra un intenso volume de tráfico".

Pola súa banda, o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destacou que se trata "dunha obra moi necesaria que mellorará de xeito importante a mobilidade da veciñanza". "Agradézolle á Deputación que atendese a nosa demanda"; remarcou o rexedor.

A senda executarase en formigón coloreado e terá unha anchura de entre 1,50 e 2 metros, segundo o tramo.

As obras contemplan ademais a renovación da capa de rodaxe da estrada entre os puntos quilométricos 1+971 e 2+978 e a instalación dunha nova rede de recollida de pluviais para evitar as acumulacións de auga na calzada.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X