Estás en:Emprego Novas

A Deputación introduce melloras nas obras da estrada do Confurco a Orro, en Culleredo

Co avance das obras detectáronse necesidades non incluídas no proxecto orixinal, que serán incorporadas nun reformado para garantir unha mellor execución dos traballos

Suporán un investimento adicional duns 230.000 euros

As obras inclúen a ampliación da estrada, a mellora do trazado e a construción dunha senda peonil, así como a renovación da rede de saneamento, que financia o Concello de Culleredo

A Deputación introduce melloras nas obras da estrada do Confurco a Orro, en Culleredo

A área de Vías e Obras da Deputación da Coruña traballa na redacción dun proxecto reformado das obras de ampliación e mellora da seguridade da estrada provincial DP 0510 do Confurco a Orro, no termo municipal de Culleredo.

Co avance das obras detectáronse necesidades que non estaban incluídas no proxecto orixinal e que serán cubertas con este novo reformado, co obxecto de garantir unha maior seguridade viaria na zona e unha mellor execución dos traballos. A Deputación pretende levar a aprobación deste reformado ao pleno do vindeiro mes de decembro.

O reformado suporá un investimento adicional duns 230.000 euros a maiores dos 1.671.420 euros nos que se adxudicou a obra e terá como obxecto regularizar a calzada actual, deformada en algunhas zonas, así como mellorar o peralte da nova estrada, para o que será necesario un reforzo da pavimentación prevista con mestura bituminosa en quente.

Unha vez iniciados os traballos de excavacións detectouse tamén a necesidade de sanear zonas de explanada onde o material existente non é válido para executar as capas de firme proxectadas, así como a execución de pequenas contencións de formigón non previstas no proxecto inicial. As obras incluirán o traslado provisional dos puntos de luz mentres non se coloca o alumeado definitivo e melloras no alumeado previsto na rotonda do PK 2+000.

As obras da estrada DP 0510 inclúen a ampliación da plataforma do vial de 5 a 7 metros, a mellora do trazado e a construción dunha senda para mellorar a seguridade peonil, ademais da renovación completa da rede de saneamento, financiada polo concello con 250.317 euros, e que se executa simultaneamente coas obras da vía.

As obras supoñen a mellora da estrada desde o seu comezo, na intersección coa tamén vía provincial DP3109, ata o punto quilométrico 2+940, mellorando o acceso aos núcleos de Figueiras e Caiñás, e as diversas vivendas situadas neste tramo de preto de 3 quilómetros.

Co obxectivo de favorecer o tránsito dos viandantes entre os diversos inmobles que se sitúan a ambas marxes da estrada, tamén se construirá unha senda peonil de dous metros de ancho ao longo da totalidade da estrada. Ademais, nas zonas onde o ancho da vía o permite, aproveitarase para a creación dun aparcamento en batería.

O proxecto tamén prevé a mellora dos accesos e interseccións, a modificación das curvas con radio moi reducido e a execución dunha nova glorieta á altura do punto quilométrico 2+000, co fin de favorecer os cambios de sentido e de eliminar os puntos con alta perigosidade tanto para o tráfico rodado coma para os viandantes.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X