Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña aproba a terceira fase das obras da travesía de Aneiros a Cabana, en Ferrol, cun investimento de 687.000 euros

Con esta última fase, a Deputación cumpre o compromiso de completar o ancheamento da estrada e a construción de beirarrúas ao longo da DP 3612

A Deputación da Coruña aproba a terceira fase das obras da travesía de Aneiros a Cabana, en Ferrol, cun investimento de 687.000 euros

Foto (arquivo). Visita do presidente á travesía de Serantes

O pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade no pleno celebrado onte o proxecto da terceira e última fase das obras de ampliación e mellora da seguridade viaria na estrada DP-3612 de Aneiros a Cabana.

A actuación conta cun orzamento de 687.080,27 euros, aos que hai que sumar os 135.036 destinados ás expropiacións, xa completadas, e darán continuidade aos traballos realizados en Serantes, onde a primeira e a segunda fase das obras supuxeron a ampliación do vial e a construción de beirarrúas, cunha notable mellora da seguridade peonil para a veciñanza.

Nesta nova fase, as obras desenvolveranse entre os puntos quilométricos 1+180, coincidindo coa intersección coa estrada a Balón, e 1+640 e incluirán a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho con beiravías de 0,5 metros e construción de beirarrúas de dous metros de ancho que contribuirán a mellorar a seguridade peonil nunha zona con numerosas vivendas que rexistra un intenso tráfico de vehículos.

O proxecto inclúe tamén a renovación dos servizos afectados (rede de saneamento e abastecemento de auga) e a instalación de nova iluminación con novas luminarias LED, máis eficientes e con menor consumo eléctrico que as actuais lámpadas de vapor de sodio.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou que coa aprobación desta última fase, a Deputación cumpre o compromiso adquirido de completar unha obra longamente demandada pola veciñanza, creando unha travesía segura para os peóns ao longo de case 1,7 quilómetros, nunha zona onde existen numerosas vivendas pero que carece dunha plataforma segura para poder circular a pé.

A pasarela peonil da estrada de San Xoán de Filgueira a Catabois, a licitación

Ademais, a Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación das obras de construción da pasarela peonil na estrada DP-3604, de San Xoán de Filgueira a Catabois, en Ferrol. As obras realizaranse no PQ 1+500 e contan cun orzamento de 10.198,35 euros.

As obras contempladas están encamiñadas á mellora da seguridade peonil neste tramo coa construción dunha pasarela que conectará a ambos lados dun arroio as beirarrúas de nova creación realizadas nas obras de acondicionamento desta vía.

A actuación, que inclúe a limpeza e a roza da zona, suporá a creación dunha pasarela de 6 metros de luz e 2,4 metros de ancho composta por lousas de formigón apoiadas sobre vigas cunha banda a modo de apoio.

A construción terá varandas de seguridade a ambos lados, xa que transcorre en torno a 4,5 metros separados da ponte da estrada. O prazo de execución dos traballos é de dous meses.

Tras as obras de urbanización realizadas anteriormente neste tramo, facíase necesaria a creación dunha pasarela para poder conectar ambos lados da beirarrúa sobre o arroio.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X