Estás en:Emprego Novas

A Deputación financia con 885.000 euros programas de servizos sociais de 67 entidades da provincia

Terapias de rehabilitación, programas de atención psicosocial e prevención de condutas aditivas, respiro familiar, transporte adaptado ou integración social son algunhas das iniciativas que a Deputación apoia a través desta liña de axudas

A Deputación financia con 885.000 euros programas de servizos sociais de 67 entidades da provincia

Visita do presidente e a deputada de Política Social á Asociación Misela de Noia

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión provisional das subvencións dirixidas a entidades sen fins de lucro para o mantemento de programas e servizos en materia de servizos sociais para o ano 2024, cun investimento total de 884.896,98 €.

As axudas da Deputación chegarán este ano a un total 67 entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia da Coruña que desenvolven o seu traballo no eido social, con subvencións de ata 24.559 euros.

Con esta liña de axudas, a Deputación pretende apoiar o traballo das entidades sociais da provincia co obxectivo de que os seus servizos cheguen ao maior número de persoas posible. "As entidades que traballan no ámbito social na provincia da Coruña realizan unha labor fundamental con aqueles colectivos especialmente vulnerables. Un traballo que chega a miles de persoas e familias que desde a Deputación queremos apoiar e reforzar con estas liñas de axudas", afirmou o presidente, Valentín González Formoso.

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, detallou que, entre os programas e servizos cofinanciados pola Deputación da Coruña en todo o territorio provincial "hai terapias de rehabilitación, programas de atención psicosocial e prevención de condutas aditivas, respiro familiar e coidado de persoas maiores ou con discapacidade, transporte adaptado ou integración social e laboral que benefician a miles de persoas e lles axudan a mellorar a sua calidade da vida".

A deputada subliñou que o apoio da Deputación ás entidades sociais da provincia da Coruña conta tamén con liñas específicas para a mellora e mantemento dos centros, para o financiamento de programas sociocomunitarios ou para a adquisición de vehículos para transporte adaptado que chegan cada ano a máis de 250 entidades da provincia.

Axudas concedidas provisionalmente:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/02/26/2024_0000001304.html

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X