Estás en:Emprego

A Deputación apoia a Mulleres Salgadas na súa demanda de contar cunha representante no Consello Galego de Pesca

O pleno provincial aprobou unha moción do Grupo do PSdeG-PSOE na que se insta á Xunta de Galicia a aceptar a solicitude da asociación e a que lle dea cabida no pleno do organismo para darlles cabida a todos os sectores representativos da pesca e do marisqueo de Galicia

O presidente, Valentín González Formoso, reuniuse esta semana con directivas da entidade para analizar a situación das mulleres no sector

A Deputación apoia a Mulleres Salgadas na súa demanda de contar cunha representante no Consello Galego de Pesca

O pleno da Deputación da Coruña deu o seu apoio na súa sesión ordinaria de hoxe á asociación Mulleres Salgadas respecto da súa reivindicación de contar con representación no Consello Galego de Pesca. Con 15 votos a favor (PSdeG, BNG e Alternativa dos Veciños) e 14 en contra (PP), aprobouse unha moción do Grupo Provincial do PSdeG-PSOE pola que se insta á Consellería do Mar a nomear a unha representante da entidade como vogal do pleno do antedito consello. Dentro deste punto da orde do día, o pleno tamén acordou instar ao mesmo departamento da Xunta de Galicia a iniciar o procedemento para modificar o decreto que regula o Consello Galego de Pesca co fin de darlles cabida nel a todos os sectores representativos da pesca e o marisqueo de Galicia.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a deputada de Mar, Cristina Capelán, recibiron en días pasados á presidenta da asociación, Dolores Gómez; á secretaria, Sandra Amezaga, e á vogal María Vales para analizar a situación das mulleres do sector marítimo na provincia e en Galicia. Foi nese encontro onde as directivas da entidade solicitaron a axuda da Deputación na súa demanda.

"Hai 1.500 mulleres do mar que non se senten ben representadas no consello. Non entendemos o motivo de deixar fóra a unha parte tan importante do sector", dixo Formoso hoxe.

O Consello Galego de Pesca é un órgano de participación, consulta e asesoramento que conta cun pleno de 55 membros, no que figuran representantes, entre outros, de confrarías, sindicatos, asociacións e administracións. Pero Mulleres Salgadas, que integra a máis de 1.500 asociadas, non conta con presenza nel, pese a terllo solicitado á Xunta dende hai anos, tal como lle trasladou a Formoso a súa presidenta.

Mulleres Salgadas é a única asociación feminina do sector pesqueiro de ámbito galego. Logo de solicitar en diferentes ocasións de xeito verbal a súa inclusión no consello, formalizou esa petición en maio do 2022. A resposta da Consellería do Mar, explicaron as directivas, foi que xa hai outra entidade que ten outorgada a representación dende a perspectiva de xénero no Consello Galego de Pesca, e que dende o punto de vista social, dita representación está reservada ás dúas organizacións sindicais máis representativas no ámbito autonómico.

Porén, tal como detalla a moción presentada polo grupo do PSdeG, o decreto que regula o Consello Galego de Pesca recolle no seu artigo 5 que o pleno do organismo estará composto, entre outros, por seis vogais representantes do sector empresarial, designados pola conselleira ou conselleiro do mar, polo que a inclusión de Mulleres Salgadas é só "unha cuestión de vontade política".

Mulleres Salgadas engloba todos os oficios e profesións do mar e reivindícase como unha organización feminista. As súas asociadas sono tanto de maneira individual como a través de confrarías, empresas, cooperativas, asociacións do sector ou entidades culturais. Ademais, forma parte de Aktea (rede europea de organizacións de mulleres da pesca).

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X