A Deputación e AJE Coruña asinan un convenio para o fomento do talento emprendedor no coworking do Pazo de Arenaza
As persoas usuarias do Pazo de Arenaza, así como as asociadas a AJE Coruña veranse beneficiadas pola sinatura deste convenio
O Pazo de Arenaza é un coworking especializado en arquitectura, urbanismo e empresas de base tecnolóxica
A deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García, e a presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarias e Empresarios da Coruña (AJE Coruña), Eva Rosende Castro, asinaron un convenio entre ambas administracións polo que se establece un marco de colaboración entre a asociación e o coworking do Pazo de Arenaza.
A colaboración permitirá o desenvolvemento de actividades de fomento do talento emprendedor e da sustentabilidade empresarial todos e todas os/as coworkers do espazo de traballo colaborativo e asociados de AJE Coruña beneficiaranse dunha serie de actuacións comúns.
Por unha banda, AJE Coruña organizará eventos e actividades formativas nas instalacións do coworking do Pazo de Arenaza, prestará asesoramento ás persoas usuarias deste centro e convidaraas aos seus eventos.
Por outra banda, o persoal de AJE Coruña poderá utilizar as instalacións do Pazo para prestar asesoramento, organizar formacións e eventos de networking e facilitarase aos seus asociados/as unha bolsa de 20 horas semanais para o uso das instalacións comúns do coworking, sempre suxeito a dispoñibilidade.
O coworking do Pazo de Arenaza
O Pazo de Arenaza é un espazo de traballo colaborativo integrado na Rede Provincial de Coworking especializado nos sectores da arquitectura, o urbanismo e as empresas de base tecnolóxica.
O espazo conta con 25 módulos de traballo, salas de reunións, aulas de formación, áreas de descanso, despachos, zona de cociña e outros espazos comunitarios. O prazo de solicitude de módulos de traballo no coworking atópase permanentemente aberto e realízase de xeito telemático a través da plataforma SUBTeL (https://sede.dacoruna.gal/subtel/) .
Pode consultar as Instrucións de acceso ao Coworking do Pazo de Arenaza no BOP número 56 do 23 de marzo de 2022:
https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2022/03/23/2022_0000001517.pdf
Dentro da Rede Provincial de Coworking tamén se atopan o centro Transformando en Brión, o coworking da Capela, o espazo A Proa en Ames, o LAB Barbanza de Boiro, o coworking A Pobra, o centro comarcal de desenvolvemento rural A Fusquenlla en Moeche, o GreenCoworking das Pontes, o Coworking Dixital Ccompostela, o centro de emprendemento A Estación de Vedra e a Casa do Pescador de Miño; cada un deles especializado no sector ou sectores estratéxicos de cada zona.
Pode atopar máis información sobre a Rede Provincial de Coworking en https://redecoworking.pel.gal/