A Deputación constitúe a Comisión político-técnica para a xestión do plató virtual Coruña Estudo Inmersivo
Está integrada por representantes políticos e técnicos dos distintos servizos da Deputación que participan no proxecto e do Clúster audiovisual galego, que agrupa as principais empresas do sector en Galicia
O CEI suporá o posicionamento estratéxico de Galicia dentro do plan España, Hub Audiovisual de Europa
A Deputación da Coruña, co obxectivo de situar a Galicia no futuro da industria audiovisual e sendo consciente da fortaleza do talento creativo das empresas do sector, constitúe a Comisión político-técnica que supervisará a execución e posterior modelo de xestión do plató virtual Coruña Estudo Inmersivo (CEI).
Formoso subliña "a complexidade deste proxecto debido ao seu importe económico, cunha previsión inicial dun investimento de 8 millóns de euros que pode aumentar; pola participación de distintas administracións e pola súa especificidade, pois só hai un plató coas mesmas características en toda Europa".
Durante a súa intervención destacou a "importancia de dar luz e transparencia a todos os pasos que se van dando neste proxecto, por iso se constituíu esta comisión político-técnica que aglutina a todos os axentes implicados: a parte técnica da Deputación, o Clúster audiovisual galego e os diferentes grupos políticos".
A devandita comisión está integrada por representantes políticos e técnicos dos distintos servizos da Deputación que participan no proxecto e do Clúster audiovisual galego, que agrupa as principais empresas do sector en Galicia.
A posta en marcha dunha comisión destas características supón un fito significativo para facer realidade a colaboración público-privada deste proxecto, establecendo un espazo común de toma de decisións que combine a axilidade e a visión comercial do sector privado xunto coa formulación estratéxica de políticas públicas que resultan tractoras para crear emprego, fixar poboación e dinamizar o territorio.
O proxecto céntrase na creación dun plató que permitirá xerar contidos de realidade virtual para o eido cinematográfico, televisivo, publicitario e de videoxogos, ao mesmo tempo que serán de aplicación en sectores como a educación ou o turismo.
A comisión político-técnica xogará un papel fundamental para acordar o modelo de gobernanza que se aplicará á xestión do plató virtual tendo en conta a viabilidade económica e financeira do proxecto.
En concreto, o programa de traballo previsto contempla a análise dos posibles modelos de xestión, o deseño do regulamento de servizo ou o estudo da viabilidade económico-financeira do centro, ata chegar a formular unha proposta definitiva sobre eles. O prazo estimado para a realización dos citados traballos, que teñen previsto o seu inicio no mes de outubro, fixouse entre dous e tres meses.
A comisión conta coa colaboración de diferentes entidades favorecendo así a creación de alianzas que permitan o desenvolvemento de proxectos de vangarda que fagan de Galicia un referente no panorama internacional da creación audiovisual.
Esta primeira reunión da Comisión político-técnica presidida polo presidente da Deputación da Coruña contou con representantes de todos os grupos políticos provinciais, o grupo Provincial do Partido Popular, Grupo Provincial do Partido Socialista, Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego, Grupo Provincial de Alternativa dos Veciños.
Tamén contou con representantes do Clúster Audiovisual Galego, e de persoal dos servizos de Intervención, Secretaria Xeral, Servizo de Patrimonio e Contratación, Servizo de Arquitectura e Mantemento, do Servizo de Desenvolvemento Territorial e Transición Ecolóxica.
Referente do ecosistema dixital do sector audiovisual de Galicia
O persoal técnico da Deputación da Coruña expuxo a evolución das obras do plató virtual localizado na Cidade das TIC que, cunha superficie en planta de máis de 2.000 m2, suporá a construción do maior estudo virtual de España.
A súa construción e posta en marcha é posible grazas a un investimento de case 8 millóns de euros, dos que 5 millóns están financiados a través dos fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España e arredor de 3 millóns con fondos propios da Deputación da Coruña.
O liderado deste proxecto por parte do organismo provincial supón un fito estratéxico na axenda política da Deputación da Coruña, representando unha aposta firme, dimensionada e irrenunciable para consolidar non só a provincia senón á comunidade como un polo de desenvolvemento e atracción do sector audiovisual competitivo a nivel internacional.