Estás en:Emprego Novas

A Deputación inviste preto de 1,4 millóns de euros nas obras de ampliación e mellora do trazado da DP-7804 de Santiago a Val do Dubra

Formoso visitou as obras, que suporán unha importante mellora da seguridade viaria nun tramo que conta cun elevado tránsito de vehículos ao conectar o núcleo de Miramontes coa intersección da DP-0701

Trtatase dunha das obras de maior orzamento das que se están a executar na rede viaria provincial e prevese que estean completadas este outono

As obras supoñen a ampliación do vial de 6 a 9 metros de ancho e a eliminación das curvas máis sinuosas do trazado

A Deputación inviste preto de 1,4 millóns de euros nas obras de ampliación e mellora do trazado da DP-7804 de Santiago a Val do Dubra

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado da deputada responsable da área de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, o concelleiro de Obras de Santiago de Compostela, Xesús Domínguez, e representantes de distintos grupos políticos do Concello, supervisou esta mañá a evolución das obras de ensanche, mellora do trazado e do firme da estrada provincial DP-7804 Val do Dubra – Santiago entre os puntos quilométricos 18+690 e 22+223, no termo municipal de Santiago de Compostela.

As obras supoñen un investimento total de 1,4 millóns (1.018.200 euros de execución de obra e preto de 400.000 para expropiacións), o que a sitúa como unha das obras de maior orzamento de cantas se están a executar actualmente na rede de estradas da provincia e, segundo afirmou o presidente da Deputación da Coruña, "permitirán mellorar de forma notable a seguridade nun tramo de tres quilómetros e medio dunha estrada que conta cun elevado volume de tráfico ao conectar o núcleo compostelán de Miramontes coa intersección da DP-0701".

Formoso explicou que as obras permitirán ampliar a plataforma da vía ata os 9 metros de ancho, contando con 7 metros de calzada e 1 metro de beiravía en cada unha das marxes. Os traballos tamén inclúen a mellora do trazado en determinadas curvas, eliminando os trazados sinuosos que representaban un perigo para a circulación, así como a pavimentación da plataforma.

Para unha maior seguridade peonil, disporase unha senda entre os pk 21+720 e 22+223, con dobre liña de banda de calzada dotada de resaltos e delimitadores de carril con elementos reflectantes e captafaros.

Os traballos contemplan tamén a instalación dun sistema de drenaxe lonxitudinal con tubo de formigón, recollida de pluviais nos tramos onde hai beirarrúas e dotarase á zona de nova sinalización horizontal e vertical.

Prevese que as obras estean finalizadas este outono.

As obras dan continuidade ás melloras realizadas previamente nesta estrada provincial coa construción da nova ponte sobre o rego Gatofero, no punto quilométrico 19+720, que supuxo un investimento de 325.728 euros. A Deputación demoleu a antiga ponte, que contaba con só 6 metros de ancho que resultaban insuficientes para a nova sección do vial, e construíu un novo viaduto con catro vigas dobre T de 25 metros de lonxitude e 12 metros de ancho, dos que 9 son de calzada e 3 de beirarrúas, que se sitúan en ambas as dúas marxes, o que supuxo unha notable mellora da seguridade para vehículos e peóns.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X