A Deputación organiza o Rede Coworking Fest, con 28 eventos para impulsar o emprendemento durante toda unha semana nos 11 centros da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo
Máis de 100 horas cunha ampla axenda de actividades que inclúen xornadas de portas abertas, cursos gratuítos, obradoiros e asistencias para novos emprendedores
A inscrición e gratuíta e aberta ao público en xeral desde a web https://redecoworking.pel.gal/coworkingfest-2024
O Rede Coworking Fest é o primeiro festival de coworking da provincia. Durante a vindeira semana, do 16 ao 22 de setembro, os 11 espazos que integran a Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña organizarán unha ampla programación de eventos de diversa tipoloxía.
Trátase de 28 eventos e máis de 100 horas de actividades para dar a coñecer a todas as persoas interesadas os servizos e actividades que se ofrecen nos espazos de traballo colaborativo que conforman a Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña: o coworking do Pazo de Arenaza (Oleiros), o LAB-Barbanza (Boiro), Transformando en Brión, o Espazo A Proa (Ames), o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla (Moeche), o coworking A Capela, o centro de emprendemento A Estación (Vedra), o Green Coworking (As Pontes), o Coworking A Pobra, o coworking Dixital CCompostela (Santiago) e a Casa do Pescador (Miño).
Segundo explicou a deputada responsable de Emprego e Industria, Rosa Ana García, do 16 ao 22 de setembro estes espazos acollerán formacións especializadas, xornadas de portas abertas, visitas, obradoiros e charlas de especialistas, asesoramento especializados a persoas emprendedoras, encontros empresariais sectoriais e ata unha feira labrega, co obxectivo de achegar o funcionamento da Rede de Coworking á sociedade e, en concreto, ás persoas interesadas en emprender un negocio.
"O obxectivo desta iniciativa é fomentar o emprendemento local, dar a coñecer o que a Rede de Coworking da Deputación ofrece aos emprendendores e emprendedoras da provincia en cada un dos seus 11 centros, fomentar as sinerxias e redes de contacto que permitan crecer ás empresas e apoiar aos sectores clave na provincia, xa que cos coworkings son especializados por áreas", explicou a deputada de Emprego.
Todos os eventos son gratuítos e abertos ao público en xeral. Tanto a consulta da programación, como a inscrición nos eventos do Rede Coworking Fest pode realizarse desde a súa páxina web: https://redecoworking.pel.gal/coworkingfest-2024
A Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña
A Rede Provincial de Coworking, creada no marco do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, comezou o seu funcionamento en 2019 coa posta en marcha en Oleiros do primeiro coworking no Pazo de Arenaza.
Dende entón, a Rede non parou de medrar e a día de hoxe son 11 os espazos que a conforman, entre coworkings, viveiros de empresa e espazos colaborativos especializados na transformación agroalimentaria.
Esta Rede é única en Galicia, xa que cada un dos centros que a conforman atópase especializado no sector ou sectores estratéxicos da zona onde se localizan. Ademais, a meirande parte destes centros atópanse no rural coruñés e todos eles prestan servizos de apoio e fomento ao emprendemento a nivel supramunicipal.