Estás en:Emprego Novas

Cee recupera o pasado baleeiro de Caneliñas

Hoxe inauguraronse as xornadas "O rexurdir de Caneliñas", con exposicións, conferencias e actividades para conmemorar o centenario da factoría baleeira da localidade

Cee recupera o pasado baleeiro de Caneliñas

A deputada provincial Mónica Rodríguez participou hoxe en Cee xunto á alcaldesa, Margarita Lamela, e á directora de promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, na inauguración das xornadas "O rexudir de Caneliñas", que conmemora o centenario desta factoría baleeira.

Ao longo dos vindeiros dous días, o Concello de Cee programou distintas actividades para lembrar esta efemérides, que inclúen a instalación de paneis informativos e unha exposición fotográfica coa historia da baleeira, a inauguración dun gran mural adicado ás baleas de Caneliñas na rúa da escola, e un ciclo de conferencias a cargo de expertos como Francisco José Rodríguez, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo, Felipe Valdés, doutor en historia e autor do libro "Los balleneros en Galicia" ou Álex Aguilar, catedrático de bioloxía da Universidade de Barcelona, entre outros.

A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, destacou a aposta do goberno municipal por recuperar a historia baleeira de Cee, que formou parte tamén durante moitos anos da forma de vida de moitas familias do municipio, e que forma parte do patrimonio industrial e cultural da localidade e de toda a comarca, xa que a de Caneliñas foi a maior baleeira da península ibérica e a derradeira en pechar en Europa, en 1985.

A deputada Mónica Rodríguez subliñou tamén esa aposta do Concello de Cee por recuperar unha parte importante da súa historia a nivel social e económico. "Desde a Deputación estamos profundamente orgullosos de poder contribuír ao desenvolvemento de xornadas como estas, que poñen en valor a historia e o patrimonio de Cee", afirmou Mónica Rodríguez, que apuntou que "iniciativas como esta non só axudan a preservar a nosa identidade e tradicións, senón a proxectalas cara o futuro, fomentando así o coñecemento e o respecto polo legado que nos deixaron as xeracións anteriores.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X