Estás en:Emprego Novas

Comezan as obras do novo centro integral de rehabilitación de Adaceco

A deputada delegada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, asistiu ao acto de colocación da primeira pedra

Comezan as obras do novo centro integral de rehabilitación de Adaceco

Hoxe comezaron as obras do novo centro integral de rehabilitación de dano cerebral de Adaceco, na Coruña.

No acto de colocación da primeira pedra participaron a deputada delegada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén Docampo, e o presidente de Adaceco, Juan Luís Delgado.

O novo centro ubícase nunha parcela de case 2.000 metros cadrados situada entre as rúas Solís e Eirís de Arriba, na cidade herculina, e contará con planta baixa e dúas alturas. A instalación estará construída en 18 meses e permitirá dar asistencia a 40 persoas.

Yoya Neira destacou que a construción do centro é un exemplo da importancia que ten o apoio do conxunto da sociedade a entidades sen ánimo de lucro como Adaceco, "que desenvolven un labor clave no eido sociosanitario, chegando a onde moitas veces non chegan as institucións".

Neira incidiu tamén na "longa traxectoria de colaboración da Deputación da Coruña, con Adaceco" en cuestións como os servizos que ofrecen aos seus usuarios, mellora dos seu centro ou adquisición de vehículos de transporte adaptado.

"A Deputación apoia cada ano a 270 entidades sociais como Adaceco no seu labor imprescindible que contribúe a mellorar a vida de miles de persoas", afirmou a deputada, que considerou que o novo centro suporá "unha notable mellora na calidade asistencial ás persoas con dano cerebral adquirido e ás súas familias, cunhas instalacións modernas e adaptadas ás súas necesidades".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X