A Deputación insta a “aunar esforzos” para “aproveitar o potencial exportador” das empresas coruñesas
A deputada de Emprego, Rosa Ana García, participou na inauguración da XI edición de Exporpymes, organizada pola Cámara de Comercio da Coruña coa participación de 120 empresas
Esta mañá tivo lugar a XI edición de Exporpymes, o evento de internacionalización organizado pola Cámara de Comercio da Coruña e cofinanciado pola Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, FEDER e a Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar e do IGAPE.
No encontro participaron 120 empresas, exportadoras e importadoras. As empresas galegas con produto exportable pertencen aos sectores da alimentación e bebidas. Ademais, este ano, como novidade, tivo lugar un Encontro de Agronegocio con África Subsahariana, unha das rexións con maior crecemento demográfico do mundo, o que supón unha crecente demanda de produtos alimentarios e agrícolas. Galicia, coa súa forte tradición en sectores agroalimentarios como o lácteo, pesqueiro, e produtos hortofrutícolas, ten unha oportunidade crave para satisfacer esta demanda, exportando tanto produtos agrícolas como tecnoloxía e maquinaria agroindustrial.
Pola súa banda, participaron tamén importadores e profesionais de 25 países de África, Europa e Asia.
Inauguración institucional
A deputada responsable da área de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, destacou "a importancia clave das exportacións" para o tecido empresarial da Coruña, que aínda que baixaron no último ano, supoñen a día de hoxe o 45% do total de Galicia.
García destacou que a provincia coruñesa "conta cun gran potencial exportador" e instou ás administracións a "xuntar esforzos para axudar ás nosas empresas a promocionarse e afianzarse no mercado exterior". "Esta esta feira é unha boa oportunidade para facelo", apuntou.
O Presidente da Cámara, Antonio Couceiro, expuxo que "A Coruña vén oscilando entre a quinta e a sétima provincia española en exportacións totais, a pesar de representar unicamente o 2,3% da poboación total de España. Este éxito é o resultado da apertura da economía grazas ao esforzo constante dos empresarios locais". Ademais, destacou que "a Cámara da Coruña está comprometida coa promoción internacional e a expansión das empresas galegas a nivel global. Traballamos todo o ano, en colaboración co IGAPE, para apoiar tanto ás Peme como ás grandes empresas exportadoras ou con potencial exportable, mediante dous programas que apoian as misións comerciais e a asistencia a feiras exteriores: FOEXGA, para apoiar as Peme, brindando un apoio de ata o 72% e Sinerxía para grandes empresas, as cales poden recibir axudas de ata un 30%. Neste contexto, a Cámara vén realizando anualmente na contorna de 30 misións comerciais para abrir e consolidar mercado para as nosas empresas".
Juan Ignacio Borrego, concelleiro Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña apuntou que "o Goberno de Inés Rey está dando pasos firmes para consolidar a posición da Coruña como motor económico de Galicia con ambiciosos proxectos de futuro como a Cidade das TIC ou a AESIA, que repercutirán positivamente nas pequenas e medianas empresas".
A secretaria xeral Técnica da Consellería do Mar, Marta Barreiro, felicitou á organización polo encontro, que conta co apoio da Xunta, "pois supón un instrumento de conexión entre as empresas exportadoras galegas e importadores estranxeiros de sectores como o da alimentación". Tamén puxo en valor os apoios despregados polo Goberno galego neste 2024 á potencia exportadora da cadea mar-industria galega con preto de 4,7 millóns de euros que permitiu garantir a presenza galega nas principais citas internacionais do sector, abrindo a porta a establecer novos contactos con potenciais clientes.
Na súa intervención, a directora do Igape, Covadonga Toca, destacou "os bos resultados das exportacións da Comunidade no ano 2023, con cifras récord que superaron por primeira vez os 30.000M€, unha tendencia positiva que se mantén no acumulado do ano 2024.
Neste marco, aludiu a todas as ferramentas que a Xunta está a poñer a disposición das empresas para apoiar a súa internacionalización como os programas Galicia Exporta Empresas, Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital; os Programas de xestores e Bolseiros de internacionalización; a rede de antenas da Xunta no exterior ou os préstamos para a implantación de empresas galegas no exterior".
A décimo primeira edición de Exporpymes propiciou uns 500 contactos directos entre empresas galegas e estranxeiras, tanto para buscar novas oportunidades de negocio que dean o seu froito a curto/medio prazo como para o peche de vendas.