Estás en:Emprego Novas

Creadores audiovisuais do Ames AV-LAB expoñen os seus proxectos na Casa da Cultura do Milladoiro

A deputada provincial da área de Emprego da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, destaca a iniciativa Ames AV-LAB como modelo para potenciar o audiovisual galego

O alcalde de Ames, Blas García, dixo que a localidade é unha referencia na produción de audiovisual a nivel galego: "Apostamos polo emprego, pola innovación, polo talento"

Creadores audiovisuais do Ames AV-LAB expoñen os seus proxectos na Casa da Cultura do Milladoiro

Rosa Ana García e Blas García na presentación dos proxcetos do Ames-Av Lab

O Ames AV LAB, laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual creado coa colaboración do Concello de Ames e a Deputación da Coruña, celebrou onte un acto no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, no que 13 dos 15 creadores/as que participan nesta iniciativa expuxeron os avances dos seus proxectos ante representantes institucionais, profesionais do sector e potenciais investidores.

Dita exposición sérvelle á Comisión de Avaliación para determinar a puntuación final que se lle outorgará a cada proxecto. Posteriormente farase un acto entrega de premios no cal se entregarán 7 premios de 10.000 euros cada un, destinados ás actividades de definición e desenvolvemento inicial dos proxectos seleccionados.

O evento comezou coa apertura a cargo de Rosa Ana García, deputada provincial da área de Emprego da Deputación da Coruña, e Blas García, alcalde do Concello de Ames. Ambos destacaron a importancia do Ames AV LAB como ferramenta para apoiar e impulsar a industria audiovisual "porque estamos convencidos do seu enorme potencial para o noso municipio, a nosa provincia e máis alá". Ademais, nas súas intervencións, subliñaron "a relevancia da colaboración entre institucións como o Concello de Ames e a Deputación da Coruña para impulsar proxectos que xeren novas oportunidades para o talento da industria galega".

A deputada provincial da área de Emprego da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, destacou "desde que comezou este programa, en maio deste ano, o Ames AV LAB tivo un gran impacto, ofrecendo formación integral en áreas clave como guión, produción, posprodución, financiamento, mercadotecnia e distribución. Quero lembrarlles aos participantes do Ames AV LAB que este non é o final do camiño, senón un paso máis. Unha nova etapa que se abre ante vós chea de oportunidades, desafíos e logros. A industria audiovisual precisa de persoas como vós, cunha visión fresca, innovadora e valente. Por iso, deséxovos o mellor no voso futuro profesional".

O alcalde de Ames, Blas García, dixo "Ames é un concello referencia na produción de audiovisual a nivel galego, dende o Concello, a institución máis próxima ás persoas non podemos estar ao marxe desta realidade, e o noso deber potencialo e fomentar este crecemento. Este sector estratéxico concentra en Galicia máis de 700 empresas, factura 411 millóns de euros anuais e concentra 4.500 empregos directos. Este é un proxecto único, moi acaido nun concello coma Ames, que sempre nos gusta dicir que somos distintos e que facemos políticas distintas. Apostamos polo emprego, pola innovación, polo talento". Ademais, agradeceu a implicación da Deputación que "como sempre é a administración que máis cree e apoia os proxectos municipais". Por último, aposta pola continuidade do Ames AV LAB: "este proxecto que ten a marca Ames, merece seguir adiante e consolidarse".

7 premios de 10.000 euros cada un

Durante a apertura, trasladouse un agradecemento especial ás empresas que constitúen a Comisión de Gobernanza, entre elas Ficción Producciones, Mirabelle Comunicación, Setemedia Producciones, Zenit TV e Cinemar Films, cuxo papel foi fundamental para o desenvolvemento do programa. Estas entidades, implicadas dende o inicio do laboratorio, achegaron a súa experiencia e coñecemento, asegurando que o Ames AV LAB estivera aliñado coas necesidades da industria e contribuíra á súa profesionalización.

Este acto formou tamén parte da fase de avaliación dos premios Ames AV LAB, que outorgarán 7 galardóns de 10.000 euros cada un. Estes premios, concibidos como capital semente, permitirán aos proxectos gañadores avanzar no seu desenvolvemento inicial e atraer novas oportunidades de financiamento.

Así mesmo, contouse coa participación dunha Comisión de Avaliación formada por expertos do sector, entre os que se inclúen Ficción Producciones, Mirabelle Comunicación, Setemedia Producciones e Fernando Alfonsín, en representación do cadro docente que participou nos últimos meses no laboratorio. Ademais, na Comisión de Avaliación participaron a deputada provincial da área de Emprego da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, e maila concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Belén Paz. Esta comisión desempeña un papel esencial na avaliación dos proxectos, revisando aspectos como a innovación, viabilidade e calidade de cada proposta. A través das súas preguntas, ofreceu unha orientación estratéxica imprescindible aos participantes.

Unha xornada que pon en valor o talento emerxente

Durante o evento, 13 proxectos participantes presentaron as propostas desenvolvidas no laboratorio, mostrando os avances logrados tras seis meses de formacións e titorizacións con expertos do sector. Estes proxectos, que comezaron como ideas, culminaron o programa con propostas sólidas, incluíndo guións elaborados, orzamentos e plans de financiamento, estratexias de distribución e teasers que ilustran o progreso de cada iniciativa. Entre os proxectos presentados destacan:

42.195 METROS (Noelia Papín e Álvaro Liste). Longametraxe ficción

AMIL (Julia Herrmann). Serie Ficción.

AS LABREGAS (Rosa Taboada). Longametraxe ficción.

CARTAS DE ESPERANZA (Silvia Varela e Nicolk López). Curta ficción.

CUANDO LOS ÁRBOLES LLORAN (Miguel Bouzas). Curta ficción

DOUS NICHOS PARA MARUJA (Santiago Araújo). Curta documental.

FÓRA DE CAMPO (Neves Rodríguez e Manuel Barreiro). Curta non ficción.

HACIA EL ESPACIO INTERIOR (Roi Grandío). Documental.

NÉMETO (Marta Insúa e Sara Ferro). Curta ficción.

O LAÚRO (Andrés Sanjurjo e Giovanna Lopalco). Curta animación.

ORQUESTA RAÍÑA (Sergio Rodríguez). Serie Ficción.

SERENADE (Pedro Díaz e Marina García). Longametraxe ficción.

TRAMOLOXÍA (Álvaro Alvite). Ficción/Falso documental.

O acto concluíu cunhas palabras de agradecemento e recoñecemento do alcalde de Ames, seguidas dunha fotografía de grupo cos participantes e outros representantes institucionais.

Ames AV LAB: un modelo para o audiovisual galego

O éxito desta primeira edición reforza a visión do Concello de Ames como un referente no ámbito audiovisual, grazas a un ecosistema dinámico que combina talento, infraestruturas e apoio institucional. A exposición feita neste acto sérvelle á Comisión de Avaliación para determinar a puntuación final que se lle outorgará a cada proxecto. Posteriormente farase un acto entrega de premios no cal se entregarán 7 premios de 10.000 euros cada un, destinados ás actividades de definición e desenvolvemento inicial dos proxectos seleccionados.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X