Estás en:Emprego Novas

A Deputación presenta ‘Fai memoria’, unha xornada de formación para docentes arredor da memoria histórica

O centro Maruxa e Coralia acolleu esta mañá a presentación do proxecto, na que participaron a deputada de dereitos civís, Soledad Agra; a escritora e coordinadora da xornada, Eva Mejuto e a deseñadora Belén G. Freijeiro

A xornada 'Fai memoria' terá lugar o 18 de xaneiro no centro sociocultural Maruxa e Coralia, de Santiago de Compostela

"Hai partes, situacións e figuras do noso pasado que se están invisibilizando, e que forman parte da defensa duns valores dos que hoxe podemos desfrutar, por iso é fundamental que os docentes conten con recursos para poder abordar este tema nas aulas" expresou a deputada

A Deputación presenta ‘Fai memoria’, unha xornada de formación para docentes arredor da memoria histórica

O emblemático centro compostelán "Maruxa e Coralia" acolleu esta mañá a presentación da xornada 'Fai memoria', impulsada pola área de dereitos civís da Deputación. A deputada, Soledad Agra; a escritora e coordinadora da xornada, Eva Mejuto e a deseñadora Belén G. Freijeiro, foron as encargas de explicar o proxecto, que terá lugar en Santiago o 18 de xaneiro no mesmo centro sociocultural Maruxa e Coralia.

O obxectivo de 'Fai memoria', xornada de formación para docentes arredor da memoria histórica, é "aportar recursos, formación e información a docentes", sinalou a deputada. "Hai partes, situacións e figuras do noso pasado que se están invisibilizando, e que forman parte da defensa duns valores dos que hoxe podemos desfrutar". Neste sentido, destacou que é un traballo "fundamental" posto que "os docentes non teñen moitas veces a capacidade e os recursos para poder abordar este tema nas aulas e reflexionar acerca do pasado para evitar que no presente se repitan determinadas historias".

Ademais, Soledad Agra apuntou que esta actividade "é unha das primeiras sobre memoria que desenvolvemos desde esta área de dereitas civís", unha área "creada neste último mandato co obxectivo de traballar en cuestións tan esenciais para a sociedade como a memoria democrática, o pacifismo ou os dereitos do colectivo LGBTIQA+ entre moitas outras".

Pola súa banda, a coordinadora da xornada, Eva Mejuto, detallou que "a memoria non existe a nivel curricular no ensino" e que, deste xeito, "tratamos de ofrecer ferramentas para o profesorado pero tamén de promover o traballo en rede, cun punto de encontro cos profesionais que veñen impartir as xornadas, pero tamén entre os propios docentes". En definitiva, un "espazo para formarse e xuntarse, para falar do pasado desde o hoxe e para saber que futuro queremos". "Hai docentes que están a traballar a memoria nas súas aulas, e esta xornada servirá para intercambiar experiencias, compartir e inspirar". "Estamos nun momento no que a rapazada é testemuña do rexurdir de novos discursos de odio, e é máis necesario que nunca que coñezan o que pasou, os dereitos que conseguimos e o problemático e fácil que podería ser perdelos".

Esta xornada abordará a memoria das mulleres desde moitos ámbitos, mais centrándose no da literatura (poesía, teatro, ensaio, novela e álbum ilustrado). As autoras Pilar Sampedro; Paula Carballeira; Iria Morgade; Carme Vidal; Susana Aríns, e Carme García Facorro e Javier Castiñeira García compartirán unha mesa sobre a literatura como recurso para a memoria. Tamén haberá unha mesa de experiencia de memoria nas aulas coa participación de diferentes centros; un roteiro pola memoria das mulleres en Compostela a cargo de Encarna Otero; unha sesión sobre memorias invisibles (a historia da disidencia sexual galega e mulleres pioneiras no deporte, con Daniela Ferrández e Cristina López Villar) e a exposición de 'Sinaladas', con Montse Fajardo, Beatriz Maceda e Eli Ríos.

A xornada 'Fai Memoria', reunirá a autoras, docentes, investigadoras e outras profesionais para reflexionar sobre a importancia de tratar a memoria dende as aulas. As inscricións poden realizarse a través do correo electrónico faimemoriaxornada@gmail.com

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X